janeiro 31, 2004

Iontxu e José

Escribo estas liñas co corpo revolto, aínda rebulen dentro de min os vasos de licor café da Nasa.

Esta tarde fun visitar o obradoiro no que Iontxu e José fan esculturas de resina e barro. Teñen unha vella casa no porto de Aguiño (ese sitio onde se pelexou con todo). Alí falamos, sen presa, desto, do outro e do de máis alá.

Coas súas mans fan dornas, polbeiros, faros, seres mitolóxicos,... que logo pintan e tentan vender a uns prezos realmente baratos. Digno traballo é aquel que se fai coa intención de levantar o espírutu dos que che rodean, por que os artistas están tan mal pagados?

Sorte e seguide dando vida as resinas e aos barros.


Postado por paleon em 07:56 PM | Comentários (88)

janeiro 27, 2004

O de Toques

27012004.jpg

Ata o destes días non tiña nin idea de onde estaba Toques, nin que cousas interesantes se poden ver alí (seguro que as hai e eu non o sei, de momento teño a foto de aquí arriba). Non me sorprende que tipos como o alcalde do lugar, Jesús Ares Vázquez, sexan capaces de botar á prensa fóra do salón de plenos, nin tampouco as súas afirmacións de que se ía manter no cargo "hasta derramas la última gota de sangre". Semellan conductas de outros tempos que algúns cren superado. Pero eu creo que o franquismo sociolóxico segue presente na nosa sociedade, aínda segue vivo.

Pero o máis lamentable do asunto é que está condenado por cometer un delito de abuso sexual a unha menor. Penso que esta xa é unha razón suficiente para que o tipo esté aquí.

Espero algún día coñecer o que hai por esas terras.

Postado por paleon em 09:09 PM | Comentários (528)

janeiro 25, 2004

32 anos e recén separada

Levo día e pico falando con xente pola rede, sen máis intención que a que poder ter calquera en desafogarse tecleando. Non me fixo nos nicks, non me importa o sexo ou a idade aparente dos meus interlocutores, só busco historias reais e sentidas.
Todos sabemos que os chats dan pé a fantasear, a careta invisible que supón estar tecleando diante dun ordenador fai que poidamos ser quen queiramos. Eu estes días non poño careta ningunha e son quen son, sen máis. Simplemente eu. E nos meus interlocutores tamén busquei iso.
As casualidades da rede fixeron que as conversas máis interesantes se deran con varias mulleres. E casualmente todas tiñan 32 anos, eran recén separadas/divorciadas e cunha intensa e triste historia detrás (algunha con malos tratos incluídos).
Foi moi liberador compartir relatos con xente descoñecida amparándose no seudoanonimato da rede. Non sei se o haberá, pero non estaría mal que se profesionalizara esto e se crearan os Psicólogos da Rede.

En fin non sei que pasa pero cando as almas andan en pena todas se dan topado nas portas do purgatorio. Non son crente pero vou botar unha moeda a un peto de ánimas, non vaia a ser o demo!.

Postado por paleon em 03:03 AM | Comentários (49)

janeiro 22, 2004

Tarde en Santiago

Levo unha tarde de cultureta de moito demo. Fun a un coloquio sobre unha figura pouco difundida da nosa historia: Anxel Casal. Case non hai nada relevante sobre a súa vida na rede. Apuntoo como deberes.
Logo fun ata a leitura de poemas que téñen os de Mar de Tinta todos os xoves na praza de Fonseca. Dá gusto ver as caras da xente que escribe poesía e proclama os seus berros entre a pedra e auga.
Por último tentei coller entrada para Santa Liberdade. Este é un documental que narra a historia dun comando luso-galaico que secuestrou un barco no Caribe. Con este acto pretendían botar abaixo as dictaduras de Franco e Salazar. É unha mágoa non telo visto (pasarano pola Teleghaita?), pero imaxínome que neste episodio xustificaría a violencia.

Postado por paleon em 08:53 PM | Comentários (155)

janeiro 21, 2004

Silencios

21012004.jpg

Os silencios sempre os asociei a momentos incómodos. Co paso do tempo non estou tan certo disto. Agora atrévome a facer unha pequena clasificación de silencios cómodos/incómodos:

- Silencio amigo: dase cando estando toda a tarde co teu amigo de sempre, estades tempo sen falar e non ocorre nada. É un silencio cómodo.
- Silencio na parella: indicador de que algo non funciona.
- Silencio de respeto: é aquel que teño cando estou ante tres ou catro lugados sagrados (Panteón de galegos ilustres,...).
- Silencio indiferente: dase cando dis algo e o outro pon cara de ter póker de ases e non di nada. Tamén se podería chamar silencio do imbécil.

Mentres se me acordan máis eu recoméndovos Silencio do blogueiro Fran Alonso.

Postado por paleon em 10:20 PM | Comentários (53)

janeiro 20, 2004

A memoria do Xeo

20012004.jpg

Acabo de chegar de pasear pola sempre xoven Compostela. Estivemos metidos no Pazo de Fonseca vendo unha exposición fotográfica de Guillermo de Rueda titulada A memoria do Xeo. O fotógrafo recolle fotos de 4 transicións polítcas: a Soviética (mima canto tempo había que non escribia esta palabra), a da RDA, a de Portugal, a Marroquí e a Española. Recolle escenas nas que o xeo, físico ou metafórico está presente como un elemento que enfía toda a exposición. Hai algunhas fotos espectaculares outras decepcionan bastante, pero o que son realmente bos son os pés de imaxen que fixo o autor, teñen moita retranca... polo visto o autor pasaba os veráns na Galiza.

Postado por paleon em 09:30 PM | Comentários (55)

janeiro 19, 2004

Días mudos

Xa pensei que non ía voltar a escribir neste espacio do mundo.
Nestes días de silencio as cousas non mudaron moito: o Bush vai subvencionar aos matrimonios "como dios manda". O PPdeG debería sentirse orgulloso.Si que o tipo máis poderoso do planete imite as súas estratexias políticas, léase a subvensionsiña, debe ser motivo para que Cacharros, Palmous, Baltares, tíos Manueles, etc estean contentos coma cucos. Cartiños para aqueles que me apoian! O seu sistema funsiona e sobre todo se o copian na América. Mima cando os americanos cheguen a magnificar a estratexia do favoriño xa non van coller no cacho!!

Máis preto pasa o de Sada . En Días Estranhos explícase ben todo o asunto.
Pero a min, Sada tráeme recordos de todo tipo, pero lembro especialmente os carteliños electorais colgados das farolas co lema "Ten sentido, vota Moncho" . Ver a Moncho en campaña era como ver un deses personaxes secundarios que saían nos Mortadelo e Filemón, co seu traxe de cantante marrón, cos seus tirantes cual Fraga cando mozo,.... Pero na vila xa sabían quen era Moncho, que agora faga o que fai tampouco é tan extrano. O traidor desta película,Santamaría, é un médico que disque foi un alto cargo no PSOE-Extremeño, lembroo ben no ambulatorio coa súa bata blanca dando a man a todo quisque... man de traidor que se vendeu ao monchismo.

En fin o mundo sigue igual de fodido que hai uns días.

Postado por paleon em 06:27 PM | Comentários (74)

janeiro 13, 2004

Voltei a Noia

13012004.jpg

E co pensamento voltei a Noia, e voltei a Avilés de Taramancos. Incluso me atrevín a reler algo del.
Por onde andará Andrucho o patrón do Olga?

Postado por paleon em 09:05 PM | Comentários (62)

janeiro 12, 2004

Cumpleanos feliz

12012004.jpg

Longa noite de pedra

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.

Todos temos a nosa Longa noite de pedra. Feliz cumpleanos.

Postado por paleon em 10:46 PM | Comentários (63)

janeiro 11, 2004

Eu de maior quero ser

11012004.gif

Veño de estar nunha conversa con xente non habitual. Era xente un pouco máis nova que min pero que contaban historias coas que me identificaba. Eran contos de estudiantes, de pisos compartidos, de bebedelas, de facer cousas absurdas,... Penso que moitos fixemos cousas semellantes e tivemos experiencias parellas en todo iso... pero o paso do tempo faille esquecer a un todo aquel universo creado e compartido cun grupo de xente que vivía baixo un mesmo tempo... Lembro que hai uns días pregunteime neste mesma bitácora se algunha vez fora feliz. Sego sen ser quen de respostar a esa pregunta, pero si sei que naqueles tempos de piso/vida compartida en grupo tiven momentos de moita alegría.

Rosa Aneiros escribeu Eu de maior quero ser . É unha novela na que se recrea este mundo de vida compartida e na que se recollen as inquedanzas dos protagonistas cando se ve próxima a fin desa estapa.

Postado por paleon em 08:26 PM | Comentários (77)

janeiro 10, 2004

... non é mala cousa

10012004.jpg

Veño de ver Nemo Non mostra nada doutro mundo, en canto a deseño da peli, que xa non se vira noutras produccións semellantes.
Sen embargo hai partes do argumento que me parecen de moito calado. Así Nemo, o peixe protagonista, ten un defecto físico: ten unha aleta máis grande ca outra, algo que non soe ser habitual xa que a tendencia, nas pelis pensadas para cativos, leva a mostrar aos actores principais como seres maravillosos e guapos. Por riba, Nemo, ten un pai superprotector... Ultimamente os produccións para cativos asemellanse máis a realidade... non é mala cousa.

Postado por paleon em 07:36 PM | Comentários (44)

janeiro 09, 2004

Os que aran o mar

9012004.jpg

Que hai dos sen terra? Que hai dos que só aran o fondo do mar?
As veces abandonan e tentar ser libres como gaivotas, pero para iso teñen que sufrir a emigración rosa.

Postado por paleon em 09:26 PM | Comentários (64)

janeiro 08, 2004

Que será de Carmiña?

8012004.gif

Acabei de ler El Perfume.Historia de un asesino de Patrick Süskind. Este libro é moi especial para min, xa que considero que me fixo "lector". Lembro moi ben que foi no primeiro ano de carreira cando Carmiña mo deixou, foi un dos primeiros libros que lin sen que fose obrigado por algún mestre. Si, eu tiven a desgracia de ter mestres que me fixeron odiar os libros na infancia... non podo decir que os odie agora (os libros, aos mestres cafres si) ;-)

El Perfume fíxome descubrir o poder da lectura usando para eso o sentido menos desenvolto que temos os humanos: o olfato. Neste libro as letras entran polo naris e as metáforas non se imaxinan simplemente úlense.

Carmiña usaba un champú de coco moi forte, que será de Carmiña? Seguirá usando o mesmo champú de coco?

Postado por paleon em 08:23 PM | Comentários (56)

janeiro 07, 2004

Victor Jara

7012004.jpg

@s meus aimig@s regaláronme un disco de Victor Jara, Te recuerdo, Víctor . Nunca oíra nada del, só sabía vaguedades do seu nome e da súa figura. Entereime que foi unha das persoas asasinados por aquel outro 11 de setembro (do 1973) chileno que encabezou Pinochet co apoio do Tio Sam....
Cando irei a Chile? Teño ganas de coñecer ese pais de norte a sur..... Pero mentras leo a Neruda, e investigo máis sobre o Winnipeig oíndo a Víctor Jara.

Postado por paleon em 09:25 PM | Comentários (94)

janeiro 06, 2004

Levantar a Panetilla

6012004.jpg

Acábome de enterar que a psicoloxía clínica xa se practicaba dende hai moitos anos neste curruncho de Galiza.
Resulta que o bisavó de Chema adicábase a levantar a panetilla das persoas que a tiñan caídas. Entendían que a panetilla estaba caída cando a persoa, polo motivo que fose estivese baixa de ánimo e de moral. Para elaborar o diagnóstico utilizaban unha proba moi sinxela: pedíaselle ao posible paciente que levantase as súas palmas da man sobre a súa propia cabeza. Se as palmas non coincidían exactamente ao xuntalas o especialista diagnosticaba claramente unha panetilla baixa. Para afrontar esta doenza había que aplicar fregas polo corpo do doente. Afrontaban así as doenzas sicolóxicas do mellor xeito posible: o contacto directo co outro/a semellante.

Non é espectacular !! Ao fin de contas esta xente facía o mesmo que moitos titulados universitarios, e cando menos non che enchen o corpo de química adictiva.

Unha cousa, o bisavó de Chema só aplicaba as fregas ás mulleres xoves ;-)

Postado por paleon em 08:15 PM | Comentários (49)

janeiro 05, 2004

Reises Repulicanos

5012004.jpg

A noite de reises é esa noite de mentira creada por pais e nais que aínda que nin son crentes nen tan sequera se sintan monárquicos trasmiten os valores do consumismo, relixión e ranciada. Os que defenden esta "tradición" argumentan que non se lle pode romper a ilusión á rapazada... Pero eu son dos que penso que a ilusión ten que estar baseada na realidade.

Gustaríame poder mandar cartas con selos coma este, onde non teña que ver o careto do borbón e onde se escriba en maíusculas a palabra República... Pero de momento confórmome con que o carteiro me deixe o correo unha vez por semana.

Ah, mañán o ateo e republicano que escribe cumple anos... de ai o cabreo.

Postado por paleon em 10:03 PM | Comentários (244)

janeiro 04, 2004

A siesta do centro comercial

4012004.jpg

Hoxe é domingo e tiven que ir ao centro comercial a comprar comida para os gatos. Con grande sorpresa atopeime media vila metida nalquel recinto pechado e arrodeado de tiendas. Moita xente cos carriños cheos de cousas recén mercadas... pero había outros que non compraban, só paseaban. Estaban como adormecidos, simplemente pasaban o tempo.
Que é o que pasa para que a xente prefira pasar o seu tempo de lecer nese lugar consumista en vez de ir aos espacios naturais que hai tan preto?.

Confeso que non lin A caverna de José Saramago, pero non puiden evitar que viñera á miña mente a idea que utiliza nesta novela: comparar o centro comercial co que foron no seu momento as grandes catedrais.
Ademáis, afirma Saramago que son nestes espacios onde se "crea a conciencia autista".

Estaremos sendo todos autistas? Ou Estaremos durmindo todos sono endulzado co soma de Aldous Huxley?

Postado por paleon em 10:39 PM | Comentários (66)

janeiro 03, 2004

Os outros feirantes

3012004.jpg

Din que no meu pais vai ser todo ano festa, xa que din que estamos en ano Xacobeo. Din, incluso, que van a aproveitar para culturizarnos con concertos, exposicións e demais.

O que máis manda nisto, un tal Pérez Varela (Conselleiro de Cuchipandas e Viaxes Paghos), está moi preparado para exercer o seu cargo. Entre os seus méritos está o de ter un inclés moi fluído, xunto cunha dotación innata para a retórica. Pero o sorprendente deste fulano son as súas ocorrentes respostas: ante a cuestión de porque non se traen máis artistas galegos, el resposta seguro de se mesmo, que "o Xacobeo non é unha Feira".

E nos preguntámonos, e logho que é? Ata cando teremos que aturar isto?

Sen embargo o que máis me sorprende é que esta xente fale de "cultura" e non quiten polo medio algo que se poida comer.

Postado por paleon em 07:45 PM | Comentários (28)

janeiro 02, 2004

As conversas

Hai conversas que deixan a un diferente, hai outras que o cabrean moito, incluso hai algunhas nas que un desexaría non ter participado e outras que pagan moito a pena.

Eu acabo de falar con Istar

Postado por paleon em 10:22 PM | Comentários (48)

janeiro 01, 2004

Cotelos a principio de ano

1012004.jpg

Comeza ben este ano. Levo poucos minutos del pero dei atopado un tesouro da miña infancia que cría perdido. Estes dous cotelos foron de meu avó, mariñeiro e persoa singular. Con eles pescou moitos polbos nas bateas que estaban próximas á praia da miña nenez.
Logo de que o avó morrera e se fixera a casa nova, acordeime dos vellos cotelos, onde estarían? Lamenteime durante un tempo non telos salvado do esquecemento ou do lixo. Por sorte estaban na casa dun tío meu...

Probablemente estes cotelos non volvan a pescar máis polbos, pero de seguro non os vou voltar a esquecer.

Postado por paleon em 12:33 AM | Comentários (32)