
Vía Gasteiz chegoume esta xoia. Este si que dá medo e non este outro...

As referencias que tiña de María Lado eran moi escasas: poeta de Cee que é moi nova. O outro día vin que andaba polo da Libreta de Man en Man e fixeime na súa cara. Xa me soaba de cando os de Mar de tinta lían poemas en Fonseca os xoves á tarde (síguenos lendo alí?). Lembreime do poemiña seu que me enviaran dende luagris.
Busquei nunha librería por Casa Atlántica, casa cabaret, para ter en papel ese poemiña e os outros que o acompañan. Saín da librería todo contento como quen atopa un tesouriño nun illa deserta. A primeira sorpresa nada mais abrilo foi que a súa primeira páxina estaba numerada co 33 e a última tiña impreso a 32. Un erro de imprenta? , intencional? Os poemas son unha auténtica ledicia que se len dun tirón dándolle unha unidade e coherencia a todo o libro.
Hoxe cheguei ao colexio co libriño na carteira coa única intención de relelo nos tempos mortos, pero porque non lerlle algo aos cativos?. Fotocopiei un poemiña dun tostador e lémono...
Á rapazada costoulle moito ler algo que non tiña puntos nen comas... pero gustoulle ver que non había formalismos na escrita.
-“Na poesía todo vale”- espeteilles- “incluso vale non poñer puntos e empezar pola páxina 33”.
- “Ai, si oh, a María esta ten que estar algo tola, ou é que non aprendeu a escribir”.
Porque na escola aínda seguimos co mi mama me mima?
Faltan 50 días
deixasme sen porque
dóeme todo o que eu son
saír desta merda
que non leva máis ca obscuridade
Van 119 días
soño realizado,
ser eu mesmo
vou no camiño
non me meto nada
deixo un "meu lugar"
entre ruelas de pedra
onde atopei as letras dos deuses
que me deron azos
para ser quen son
descubrín tesouros invisbles
que me enriqueceron vilmente,
riquezas inmateriais que me fixeron
sentir mellor co que fago
máis agora marcho,
voume xxxxxx
Morrer antes de nacer
enxendralo, maduralo e tentar parilo ...
logo esquecelo ás primeiras
mal pai!!!
Sigo sen descendencia porque ansío máis
milleiros de hipervínculos a sitos vacíos
moreas de carpetas con nomes por fóra
libretas namáis que comezadas
fillos efímeros como os momentos máxicos

Merquei o Lobo Estepario hai xa moitos anos. Lembroo ben, foi nun deses postos de libreiros que ano tras ano traen os mesmos libros ás festas patronais da vila. Foi un deses libros que se mercan polo suxerente do título, sen máis. E así quedou durante tempo á sombra doutras lecturas máis apetecibles.
Sei que algunha vez o comecei a ler, sen embargo, nunca o cheguei a rematar...
Logo coñecín a alguén que me falou (e me segue falando del)...
Decidín enfrontarme a el de novo, collino do andel, sopleille un pouco para que perdese un pouco de pó e barola e abrino. No medio, a xeito de marcador, atopei unha carta.
A carta está datada nun lugar onde os castiñeiros e os carballos medran libres como o argazo polo area da praia. Dentro do sobre hai follas de fieitos e doutras plantas que no acho a distinguir. Tamén había un papeliño, cunhas letras:
Carteiro em bicicleta
leva recados de amor
(Joao Afonso)
Outra botella no mar...
25 de Abril é ...
construír cuns descoñecidos
25 de Abril é ...
escotiar e participar
25 de Abril é ...
non ter medo a sentir
25 de Abril é ...
sorrir ao extrano
25 de Abril é ...
chorar de alegría
25 de Abril é ...
a sorpresa do amigo ao regalarche un cravo vermelho
Non podo evitalo. Cando volto do traballo pola estrada de Padrón, xusto ao sentir que me achego ao acubillo da pedra de Compostela, poño na radio algunha canción con mensaxe. Baixo as ventaniñas, subo o volumen e canto...
É como se algunha glándula do meu ser segregase a hormona marulina...
Non me canso de transcribir conversas dos que teño diante durante 5 horas.
- O pentágono é o polígono de cinco lados. É como o edificio do ministerio de defensa dos EEUU.
- Si profe pero máis que Ministerio de Defensa parece Ministerio de Ataque.
Un trataos como rapaces e eles insisten en contéstarche cunha retranca máis próxima ao dos vellos
- Profe, eu sei por que morren os vellos.
- A ver dinos, por que...
- Porque como non morrean, fáltalle o aire.

gosto durmir abrigado cun sorriso.
abonda con premer estas teclas
6 tres veces
5 outras tres
2 unha soa
...
beep
:-)
na cidade das bágoas
atopa ao poeta das plantas
que loita con revistas de moda
en verde, como o sangue do castiñeiro,
escribe na primeira páxina
"qe tes moita cara de alegre e divertido"
3 historias con rapaces de 10-11 anos e un mestre que non deixa de sorprenderse:
1ª)A mediatriz.
- Mestre: A ver, quen sabe o que é unha mediatriz?
- Alumno: a mediatris é unha actriz que cobra medio salario.
Se soubesen o que cobra unha actriz media galega, daríanse conta que as medi-actrices, non poderían chegar a fin de mes.
2ª) Familia de palabras.
- Alumno 1: Pois da familia de Casa eu teño: casiña, caseta,...
- Alumno 2: Cortello vale?
Se soubesen que moitos, non temos casa, nen nada, deberíamos admitir cortello como posible fogar.
3ª) O pedagogo.
- Alumno: profe non nos poñas tantos deberes que imos acabar todos no pedagogo?
- Profe: como?, pero que dis?, a que te refires?
- Alumno: si oh, que se nos mandas tantos deberes imos acabar todos cunha depre.
Se soubesen que un pedagogo soe ter máis estrés que calquera dos seus "casos", pasarían completamente del.

o vendaval négalle un anaco de costa
deixao sempre mar adentro,
sube e baixa entre augas,
sen derrota algunha, ou si?
sen chegar nunca a unha cálida praia
na que secarse e coller quentura
sen chegar nunca a uns cantis
nos que esnafrarse para sempre.
só apodrecendo no medio da ría.

Entre o subidón musical e o licor café acabamos (como xa ven sendo habitual) as tantas na zona vella, oíndo e falando con todo quisqui... incluso se falou demáis, si como só se fala cando un se sinte liberado e embriagado...
Desculpas a aqueles cos que falei ou tentei falar e non me din comunicado.
Desculpas a aqueles cos que falei e debería ter calado.
Desculpas a aqueles cos que debería ter falado e non o fixen.

Da gusto atopar xente que fai país dende calquer campo. Sen ir máis lonxe Abrilsempre e máis eu atopamos este símbolo patrio que representa a partes iguais dous elementos fundamentais da razón de sermos galegos: a gastronomía e os meigallos.
Chamounos moito que a empresa Frutas la Catedral usase como marca representativa a imaxe da Catedral de Compostela (pagaría dereitos de autor ao arzobispado?)... Raro foi non verlle un Pelegrín ou un Xacobeo 2004, non estivo áxil Pérez Varela!!
Non soubemos decir unha zona allícola dentro do país na que este producto teña tanta importancia, nen tan sequera caíamos na conta de se existía a festa gastronómica adicada ao allo.
Así que lle demos a volta á etiqueta para ver de que parte da Galiza eran... e oh sorpresa os allos catedralíceos eran de Cuenca.
zum zum zum
luz da vida,
zum zum zum
calco do patrón,
zum zum zum
todo é copia,
zum zum zum
escasos orixinais,
zum zum zum
pouca creación,
zum zum zum

Resulta que agora imos ter que entregar un traballo escrito para poder superar a oposición e ser un maestro de verdade (non é que non o sexa pero é que agora non cobro no verán...).
Pois ven o DOG inclúe un artigo onde se especifica as características técnicas do documento que temos que entregar:" unha extensión máxima de 60 folios, formato dim A-4, escritos a unha soa cara e dobre espacio, cunha letra tipo Ariel, tamaño 12 puntos"
Si fonte Ariel e non Arial, ... quedei pensando pensando e abrín rapidamente o word para ver se é que había algunha fonte que se chase así... pero para desgracia o meu ordenador non a ten instalada... Googlei pero non a dei atopado... buaaaa!!!.
O único Ariel, que atopei non serve para escribir... Probei logo a buscar as fontes da súa mesma familia: Luzil , Colón, Persil ou Ese... pero tampouco. A ver se que vou ter que usar unha fonte manual!.
Si amighiños o que escribeu este DOG debeu de ser o mesmo que asesourou ao conselleiro que trouxese a Cheminal Broder, Leni Kragüi, Brian Adans, e tantos outros que virán "si se poñen a tiro".
Batalhador
... viñeches cando tiñas que vir, agora marchas logo de rodar camiños do sagrado...
Desganado e cabreado
nada permisivo,
sinto o final,
máis finais,
sempre rematando,
sempre comezando
Rianxo, 15/IV/MMIV

A Asemblea contra a Burla Negra convócate o día 14 de abril no pub Casa das Crechas para que sumes a túa creatividade na construción dun obxecto artístico reivindicativo. O Colectivo aberto Man por Man, nacido o 3 de xaneiro do 2004 coincidindo co cabodano de Man en Camelle, convídanos a participar na súa primeira Acción Man chamada "Libreta a man".
En xaneiro puxo a circular varias libretas de man en man para recoller nas súas follas a sensibilidade cultural e creativa, do mesmo xeito que facía o aleMan cando entregaba libretas aos visitantes do seu museo en Camelle.
Esta libreta que navega co vento dos pulsos dende Camelle ao País Vasco sen esquecer a Coruña, Ourense, Madrid, Barcelona ou Lisboa nun total de 12 percorridos, recala en Santiago o vindeiro mércores 14 de abril ás 21:30 no pub As Crechas.
Burla Negra pide a túa colaboración. Trátase de que traias todo o teu pulo creativo e plasmes a túa mensaxe na libreta. Poemas, debuxos, fotografías, cancións ou relatos para unhas follas que demandan ser enchidas de vida en memoria de Man e en reivindicación do noso mar. Serán palabras escritas para o papel pero tamén podes traer os teus textos para recitar co fin de facermos do encontro unha homenaxe a Man e unha chamada de atención dun litoral que aínda segue a sufrir a ameaza do fuel.
Esa noite, todos e todas contribuiremos a dar pulo a unha cultura viva tal e como Man de Camelle a concibiu e con isto sumámonos aos esforzos do Colectivo Aberto Man por Man para que o futuro museo non sexa un mausoleo senón un espazo dinámico, polivalente e respectuoso co medio e coa obra do artista.
As libretas serán un legado colectivo para o Museo de Man, que queremos sexa un museo vivo e, por extensión, reivindicamos tamén unha Costa da Morte culturalmente viva.
Para participares non tes máis que achegarte a noite do mércores 14 de abril ás Crechas a partir das 21.30 e deixar a túa mensaxe na libreta.
¡Agardámoste alí!
Burla Negra
-------------------------------------
Eu andarei por alí, vou ser un dos que ten unha estrela no orella.
Que duro se me está facendo voltar ao choio!! Os mestres non deberíamos ter tantas vacacións... tantos días sen a rutina fai que estea desorientado... hoxe pola mañá non sabía a que hora tiña que entrar, como se chamaban os rapaces?, de que ía esto de ser mestre?...
...Empezo a ter os primeiros síntomas da gripe. En serio esto non é normal...
Hai unhas semanas caeume das mans o "meu ollo dixital" (aínda está en garantía a ver se cola e ma poden amañar). Hai uns días o ordenador (aínda estou á espera para ver se os arquivos se poden recuperar ou se definitivamente van acabar no lixo informático para sempre).
... e hoxe o meu cochiño... Vindo de tomar o Licor Café que fixo Caladinha empezou a quentarse e a botar fume blanco. Seguín uns poucos quilómetros ata que a temperatura pasaba dos 100º... o da grúa díxome que ía ser unha avería moi seria... co cal me estou plantexando deixar de lado ao meu 405... hai cantas estradas e corredoiras percorremos xuntos (snif, snif)... Non escribo máis que me poño triste de verdade.
Voltar a andar o camiño vello.
Estrada vella que trae ao acubillo
xirar as curvas retortas
ver o río dende o alto
palpitar ante o barco que fai de merendeiro.
Máis tempo, máis quilómetros,
pero e que?
Pisar o xa pisado
redescubrir o xa descuberto.
AC- 305 Vella estrada que leva de Compostela ao Barbanza
Logo de ter andado por aí, vas vendo que hai universidades nas que non che piden ter a selectividade (ou reválida) aprobada para poder entrar nelas. Por pedir nen piden que sepas ler nen escribir os números.
Normalmente estas universidades non teñen encerado, nin hai libretas para apuntar, nin biblioteca,... e por suposto non hai exames nin notas. Simplemente o quer aprender aprende e o que non, pois non o fai.
Os catedráticos que dan clase nelas non teñen a plaza fixa alí, van e veñen e son especialistas nunha materia concreta: analisar a vida e elaborar propostas para melloralas. Estes catedráticos non se distinguen dos alumnos, están entre eles, e as veces hai intercambios de roles e os catedráticos escoitan as leccións dos alumnos.
Normalmente estas universidades pasan desapercibidas por que non foron abertas para exercer a docencia, e depende de un mesmo atopolas e matricularse nelas.
Ven amighiños esta é unha boa universidade para aprender cousas, cousas de verdade non desas que poñen os libros.

Mudei de pendente, deixei a estreliña plateada no caixón da mesiña de noite e puxen unha media lúa.
Neste tempo de violencia é onde se fornecen as razóns que logo van xustificar a intolerancia e o odio. Eu négome a iso... eu solidarizome con eles, con nós... eu hoxe tamén son árabe.
Alá van os poemas, os relatos, as fotos, as cousas do choio... todo por non fixarme antes de formatear o ordenador...
Churrasco e orella no Fogar do Santiso, uns licor café, tabaco e moita parola.
Así xurdeu outra vaca no cibermillo: Caladinha co seu Toxos e Mimosas, máis flores douradas para o pais!!.
Graciñas por levarme de novo a ver a ponte de Taboada.

Venres 16 de Xullo
- Jran Juateke Dorneiro.
Xoves 22 de Xullo
- Examen de Patróns.
- Keimada.
- Xojos nas fanequeiras.
- Consierto.
Venres 23 de Xullo
- Xojos de Mar.
- Voo sen motor.
- Cansión de Tasca.
Sábado 24 de Xullo
- Jran Rejata de Embarcasións feitas á machada e propulsadas a pan de millo. Jran Premio Kutre Sark.
- Romería dorneira.
- Xojos de terra.
- Jran prix de carrilanas.
- Top Secret.
- Consierto.
Sábado 31 de Xullo
- Jran baile de jala.
Ala, a ir falando cos colejas de Ribeira para que fajan sitio e poder vir á Dorna.
Forsa Dorna!!!!
¿Sabes cal foi un dos temas máis álxidos na pasada campaña electoral no medio rural galego(1) ? A articulación do estado e a confrontación entre propostas soberanistas e propostas autonomistas... ¡¡Non!!; a vertebración europea e o alineamento dos estados da UE fronte ós intentos hexemonistas do Tío Sam... ¡¡Non oh!!; as estratexias de loita contra os terrorismos de distinta índole que campan ás súas anchas pola vella pel de touro... ¡¡Eramos poucos...!!
Lonxe de todo isto, o tema que mobilizou ás masas labregas e decidiu o sentido do voto das hordas campesiñas foi nin máis nin menos que A CONTRIBUCIÓN DOS GALIÑEIROS.
Non me digas, culto e informado urbanitas, cidadán de mundo e avezado contertulio de parolas de café seudointelectuais, que non coñeces a contribución dos galiñeiros!!!
Para que teñas de que falar no próximo café, dirémosche que pola actual Lei do Solo os propietarios do medio rural deben pagar tributos por calquera construcción anexa á súa vivenda ou estabulación que teña unha estructura de suxección e estea cuberta. Así, por exemplo, galiñeiros, alpendres e outras construccións do similar estilo arquitectónico tan abondosas no medio rural galego. Danse así paradoxos como que unha gasolineira en chan rural paga os impostos de solo segundo a mesma regulación que o galiñeiro de meu tío Pepe. Para quedar qui nin diola no debate cafeteiro, podes facer notar comparativamente as cifras de cotización en bolsa de Repsol e dos ovos caseiros.
¡¡DI NON Á CONTRIBUCIÓN DOS GALIÑEIROS!!
Os gastos de difusión deste manifesto están sufragados pola CDG:
Corporation of Deshauciated Ghalinhas
(1) Si, ese mundo descoñecido que ocupa o 80% do noso territorio. É comprensible, despois do éxito obtido en América, Colón dedicouse a vivir de rendas e acabáronse as grandes descubertas...
Filólogos e filólogas, atopoos a miúdo. Filólogos/as de aquí , filólogos/as de acolá e filólogos/as sen nada. Encontrámonos en encontros, en bares,... a fin de contas na mesma loita.
A veciña de porta con porta tamén o é... e tiven que esperar case que 6 meses para sabelo... falta de comunicación.

Estou ante unha pedra con 4000 anos de comunicación. Ten unhas cabras labradas das que ninguén dá unha explicación coherente do que representan.
Para min son, simplemente, unha metáfora de liberdade pensada nun tempo onde non había cancelas nen mundos a piques de morrer.
Vivan os poetas mortos!!!
O mar adentro é unha illa de auga rodeada de ceo por todas partes
Manoel Antonio
Eu son o máis vello de 4 irmáns, todos homes, os catro distintos e semellantes á vez.
Hoxe sae de Marín un barco seudogalego con un irmán abordo. Non sei como se chama o barco, nin tan sequera sei que bandeira ten na popa. Na miña casa estamos afeitos a oír nomes raros de portos, a ler nomes impronunciables de barcos, a escoitar nomes de lugares exóticos de onde os nosos familiares traen moedas de xoguete.
Pero aló vai Manuel, atravesará o Atlántico a pescar peixes raros moi preto dunhas illas onde houbo unha guerra.
Probablemente Manuel fale por telefonía co barco no que están meu pai e Pepe, o primeiro dos irmáns que embarcou. Eles están a moitas millas del, no Índico, pescando tamén peixes raros moi preto doutra illa da fin do mundo.
Nestes momentos ven á miña mente a imaxe de cando eu sendo cativo, meu pai metía as maletas nun taxi, rumbo a un avión que o levaría a un barco, nun país estrano. Ao pé da porta estaba meu avó, ollando todo, logho entraba decindo "maldita sexa a terra que non pode manter aos seus".