Hoxe botei arrancando herbas malas máis dunha hora. É unha tarefa sistemática que levo facendo dende hai aproximadamente un mes. Non é que vexa mal que na leiriña teña algunha plantiña que medre sen que eu a plantase...pero hoxe foron máis de 200... e o que máis me amola e que medran amparándose na oscuridade da noite. Se cando menos fosen bonitas, pero sonche bastante cativas e repetitivas.
Creo que vou mercar un bo herbicida para que me evite estes traballos de andar agachandome cada mañá e tirar polo seu talo, alguén sabe dalgún?.
Mecajo nos "penis enlargement products"

Na infancia, cando voaba arredor da bombilla unha desas bolboretas que só aparecen na noite, a miña vella dicía: “Mañá imos ter carta. Seguro que é de voso pai”. As bolboretas visitábannos a miúdo cumpríndose, as veces, os presaxios. Co paso do tempo a bombilla mudouse por unha desas barras alongadas que dan máis luz. As bolboretas seguiron fieis á nosa luz, e a vella facía o propio coas súas crenzas: “Mañá seguro que chama voso pai”.
Onte a noitiña entrou na miña casa unha bolboreta pequerrecha. Foi morrer entre os libros, moi preto de “As Chamadas Perdidas”.
Os itacanses cos que salgo de copas seguen a ter conductas estranas: algúns din que se casan. Tres parellas xa asinaron no libro do cura, dentro dun mes vai outra e para o verán que vén outra máis pasa pola vicaría .
Algúns de nós pasamos de casamentos (para iso primeiro habería que ter con quen), tamén pasamos de facer pancartas para colgalas nas pontes peoniles... do que non pasamos e disto ... que se amolen, senón que non casen!!!
semella que hai un cadáver que se resiste a ser enterrado, pero non pasa nada porque o óxido do meu lavabo estase acomulando no desague e o parque da habitación está hinchando como do globo alongado. polo demais ben.

Semella que o remate do verán traen rutinas novas para os xa levan tempo traballando na oficina de correos da vila. A min aínda me ten o seu aquel eso de enviar telegramas. Reproduzo un dirixido ao Ministerio de Instrucción Pública e remitido por don Alejandro, maestro da escola mixta.
“Non iniciamos curso aínda.STOP.Estamos faltos de pupitres, ordenadores e pizarríns. STOP.Seguimos sen estufa. STOP. Non sabemos que facer con tantas bandeiras que nos remitiron.STOP.”
Don Alejandro é unha persoeiro ben coñecido aquí. Chegou á vila hai uns anos para traballar como mestre na escola masculina, pero en seguida foi quen de dar un xiro a vila introducindo novos métodos pedagóxicos. Sobre todo foi quen de facer unha pequena revolución cando conseguiu que os pais e autoridades locais comprendesen da importancia de que rapaces e rapazas compartan xuntos o acercamento ás letras e aos números.
Hai unhas tardes, Don Alejandro fixo de guía e levoume de camiñada polos arredores da vila. Andamos ata unha silenciosa carballeira centenaria situada moi preto dun poboado mineiro abandonado no que hai anos se extraía grandes cantidades de Wolfram.
Con especial detalle describiu os restos megalíticos tan abundantes da zona. El, home culto e estudioso, ten un amplo estudio de campo, inédito aínda, no que describe polo miúdo todas estas obras prehistóricas.
Mándovos a foto dun destes restos: o milladoiro de Estradavella.
Morse Ken
Na canle estatal para friquies e futboleros están retrasmitindo hoquei a patíns. Hai un tempo morto e os xogadores acércanse a cadan seu adestrador. O cámara mete o ollo entre os fuciños dos xogadores que visten a camiseta vermella, mentres o audio dá un adestrador dando ordes en catalán.
Pregunto "quen xoga?". "É a final europea de selccións de hoquei a patíns, xogan españa-italia".
En vez de levar a elástica vermella non deberían levar unha amarilla con catro barras vermellas?

O meu carro fixo estes dous días preto de medio milleiro de quilómetros entres idas e voltas á Terra Chá. Fun buscando os recantos de Manuel María. Atravesei as congostras asfaltadas co coche, vin regatos polas xanelas, atopei vellas escolas abandonadas polas tizas hai moitos cursos e botei a siesta acomodado no asiento baixo a sombra dun castiñeiro.

Non teño o título de propiedade del, nen tan sequera a miña terra está preto das súas raíces. Pero afectivamente perténceme.
... acabouselle a gasolina ao coche e quedeime aquí para sempre...
Onte fun ver aos cínes da Ítaca Mar Adentro . Dende logo non me defraudou nadiña.
Despois da peli houbo 3 tipos de comentarios, a cada cal máis intelectual:
1º) O argumento
- Vaia película! Este Amenábar si que sabe un pouco de cine. Como fiou o argumento da vida de Ramón.
- Si controla moito de cine. Seguro que seus pais teñen un videoclú.
2º)A lingua
- Como clava Bardém o acento do Barbanza: a gheada, o seseo,...
- Si machiño, que respeto pola nosa lingua. Como se nota que non aprendeu o galego nunha escola daquí.
3º) Os exteriores
- Pois a primeira escena da peli está rodada no muelle de Insuela. Ese que Cuiña lle fixo ao noso alcalde para que atraque o iate.
- Que va home, eso é Xuño de toda á vida
- E lo?, desde cando hai bateas en Xuño?
- Ao mellor leváronas para alí para rodar a peli.
...cando me chamaches, como é que sabías que estaba na túa terra ?...
De madrugada oíndo a radio. Un oínte chama para falar do tema da noite: as impresións.
"... foi cando estaba traballando en Suiza, un compañeiro que me tivo 15 anos enganado"."E logo?"."Enganoume ben... era do sexo opuesto... si era gai".
Silenzo reflexivo.
"Como soubeches que era gai?". "Pois cando enfermou".
Outro silenzo reflexivo.
"Colleou o SIDA e morreu el e máis a muller".
A locutora nin lle preguntou se o compañeiro gai era boa persoa, nin comentou nada. Co seu silenzo perpetuou o esteritipo de gay=enfermo.
"Grazas pola túa chamada".
Comezou a sonar unha canción de Manu Chao.
O venres tiven unha saída tardía de copeteo por Humidtonw con Caladinha, Revelde e (m)Alicia (estou pensando que creo que non coñezo a ninguén que non ande no blogmillo :-) fíxonos caer nun gharito no que coñecín a unha tipiña de Valadociti.
A ghicha, só un pouco máis borracha que min, pedíame axuda para colgar un bolso nunha parede. Coa lóxica de quen traballa con rapaces pequenos indiqueille como podía facer para pór o seu bolso debaixo dun estante para soster copas.
Tiña ganas de falar: “trabajo en la Xunta” (algo que sen dúbida impresionaría á miña vella. A min dende logho non, a fin de contas eu tamén traballo para ela e non teño esa áurea dos que traballan en “servicios centrais”).
“Soy licenciada en derecho”. “Vale, pero que fas?”. “Elaboro informes y redacto preguntas parlamentarias”. “Ah que ben eu son mestre, pero que fas exactamente?”. “Púes yo escribo las respuestas a las preguntas parlamentarias que hace la oposición”. “Ño, eres de Cacharro?”.”No por favor”. “Ah, entón eres de Barreiro que agora é vicepresidente”.”:-)”. “Vamos que ti fuches quen redactou iso das 50 medidas contra os incendios”. “Si en parte si”.
Chegou onda nos un tipiño que lle estaba pedindo unha copa á redactora de respostas (todo un clásico: convidar á copa para lighar) ela despideuse de min dándome o seu teléfono. “Mándame un mensaje, dime que eres el chico que hablo contigo en un pub”.
Mensaxeareina fixo, teño curiosidade en saber como é proceso no que os nosos conselleiros nin se toman a molestia de redactar as respostas das preguntas que fan os “repugnantes da oposición”.... tamén a chamarei por que me gustaría coñecer a unha persoa que me diga “si, yo voto al PP”... porque eu atopar aínda non atopei a ninguén que o recoñecese abertamente pero habelos hainos , ou estou vivindo nunha Matrix irreal? Como decía un ilustre da Ítaca: “Peperos saíde e presumide”.
En fin, que mola esto de coñecer a xente que se ghana a vida escribindo sen decir nada.
No ciber das pantallas planas vin como lía as historias de María en SF. Dende o meu ordenador non perdía ollo aos clics que facía. Ergueuse. Dubidei se falarlle. Marchou.
Xoán ten un barco. Leva máis de 20 anos erguéndose cedo para ir ao mar e traer nécoras e polbo. Raros son os días de inverno nos que non desafía ao temporal cando vai botar as nasas.
Ganou moitos cartos. Dende que casara sempre viviu nun pequeno piso de aluguer e cando tivo que mercar un coche elixiu un vello Orión de segunda man. Non acostumaba a ir a moitas festas e moito menos a viaxar coa familia.
Hai uns meses Xoán comezou a facer unha casona xunto ao campo de fútbol.
- Mira ti que casa está facendo Xoán. Din que lle valeu máis de 20 millóns.
- Si, debe andar na drogha.

Ao mellor chegou a Vigo hai dous meses. Ao mellor explótao un patrón que ansía facerse rico. Ao mellor busca un mundo onde vivir con dignidade.Ao mellor comparte habitación con dez persoas máis.
Ao mellor soña con mercar un coche para percorrer mundo.Ao mellor leva todo o día sen comer.Ao mellor gustaríalle facer turismo no seu Senegal natal.Ao mellor esa tarde o deportan.
![]()

Nome: Monolito do alcalde (non ten nada que ver co monolito de Carlos Pumares).
Localización: Praza do concello da Ítaca, moi pretiño da estatua do cardiólogho
Datos de interese: Monolito dedicado a un modesto alcalde-presidente da Ítaca. A erección de tan fálico monumento foi sufragada, a escote, por todas as asociacións (deportivas, veciñais, culturais,...) da vila, todas excepto a R.e I. Cofradía da Dorna. Con este monumento preténdese recoñecer a grande labor política, “moito mira por nós”, que fixo o alcalde homenaxeado.
Ah, non pensen que o monumento foi erixido noutros tempos, nin que as asociacións pertencen ao sindicato vertical : foi plantado hai só 2 anos.
![]()
Agora que remata o tempo no que os turistas ocuparon a Ítaca vou comezar unha serie de fichas coleccionables/recortables (moi apropiadas para este tempo de estres postvacacional) sobre os monumentos de maior relevancia que hai na vila.
Entendo que o turismo que oferta o noso ilustrísimo concello ten que ser algo máis que praia e bares, e polo tanto vou proporvos un roteiro de monumentos de imprescindible visita se alguén se acerca á Ítaca un día que chova a cachóns e os bares están pechados (espero que deus/alá/buda/comandante decibelios non o permitan nunca).
![]()

Localización: Praza do concello, máis coñecida por alameda (que como todo o mundo sabe é o lugar onde non hai álamos senón unhas grandes palmeiras autóctonas).
Datos de interese: Durante moitos anos foi o único monumento do que nos puidemos gabar na vila. Ninguén sabe nin cando nin quen o colocou alí. Logo de consultar a eminentes historiadores locais tampouco fun quen de saber quen foi o tal cardiólogho nin que fixo para merecer tal recoñecemento público. Recentemente é unha figura reivindicada polos ilustres térmicos da Festa do Termo.
![]()
Corre, Sergei, corre! Era o único que oía mentres alancaba dando a última curva da pista. Chegara o terceiro. Ese posto e con aquela marca dábame para poder ir aos xogos olímpicos de Seúl. Aquelo significaba a maior recompensa que podía ter logo de 7 anos no Centro de Alto Rendemento Deportivo.
E crédeme, a recompensa non era ir coa expedición do meu país e competir baixo a nosa bandeira. A recompensa era a posibilidade de acceder a un apartamento e entrar nunha lista de espera para que me deran un coche.
Faltaban cinco días para coller o avión cara as olimpíadas cando ocorreu. Co paso do tempo cheguei a entender que el non tivera a culpa, pero direivos que daquela culpeino de todo. O caso é que non puiden ser olímpico e sen iso non puiden acceder aos privilexios dos que facíamos a revolución no deporte. Aínda estiven uns meses máis no centro aquel, pero os adestradores enseguida percibiron que aquela lesión non tiña remedio e que tería que abandonar a alta competición.
Daquela ninguén estaba sen emprego todos traballaban para o Estado. Si, pasábanse penurias pero todo o mundo na URSS podía comer quente unha vez ao día, sempre que non falase de política. O meu adestrador recomendoume que me matriculase nunha escola de mecánica. Así o fixen e en menos dun ano recalificáronme de atleta a mecánico. Comecei a facer a revolución soldando eixos na fábrica de tractores de Minsk.
Aínda non levaba alí máis que uns meses cando chegou todo aquelo da caída do muro de Berlín. A xente comezaba a estar inqueda, e incluso había moitos que se aledaban, case sen medo, do que estaba pasando en Alemaña e do que pronto ía pasar alí.
Non tardou en entrar o capitalismo salvaxe e moitos dos que milleiros que traballabamos nas factorías de Minsk quedamos literalmente na rúa. Sen traballo, sen vivenda e sen dignidade regresei á casa paterna de Odessa coa intención de embarcar como engraxador nalgún barco mercante.
Así foi como me botei ao mar para navegar baixo bandeiras primeiro soviéticas, logo rusas, ucranianas, hondureñas, ... ata aquí, con vós.
Os poucos mariñeiros que quedaban oíndo a historia de Sergei despedíronse del e foron cara o catre. El tamén o faría de seguido.
Diario de abordo do Estrela do Sur
Ás 10:47 do día de hoxe, apareceu morto no rancho de popa o engraxador Sergei Pushkin de nacionalidade Ucraniana. Nas mans sostiña unha botella de alcol,roubada do botiquín, diluído en auga.
Infórmamos telefonicamente a casa armadora e ás autoridades francesas da illa Reunión deste suceso.
O capitán: Xosé Castro
...dende cando chega o autobús a este lugar?...

Paseando polo pequeno porto da vila topeime con varios mariñeiros que se adican á pesca artesanal embarcados en grandes barcos conxeladores. Fun tomar con eles unhas cuncas á taberna que queda preto da lonxa e alí sobre o mostrador de mármore branco escoitei contos de mariñeiros.
Saen de marea coas adegas cheas de víveres e cos peitos enchidos de ilusións, as máis das veces chegan baleiros (as adegas e os peitos). Non volven ata pasados ben seis meses, se o vento lles acompaña inchando as velas, nos que navegan por mares que distan a moitas millas de aquí. Baten no mar para arrincarlle éstranos peixes que ao chegar a terra van directos para a fábrica do señor D’alata onde se converten en “Ledicias de mar ultraconxeladas”. Amosáronme un exemplar que o armador lles deu de quiñón e ben me recordaron as imaxes do noticiario do cine no que se mostraban os animais que toparon en Urano.
Contáronme que o seu armador o señor Rateiro, admirador e grande amigo do señor D’alata, é propietario de doce grandes veleiros, dun parque de aeroxeradores, catro tendas de ultramarinos, dunha pequena flota de camións e de varias ducias de casas que arrenda aos seus traballadores. Dixéronme que este home non é mala persoa, fálalles sempre con boas palabras, saúdalles con se cruzan con el pola rúa e incluso lles permite vivir de aluguer nas súas casas. Entre ribeiro e ribeiro confesáronme que esa marea tiveron a sorte de cobrar, xa que hai veces nas que entre os gastos do barco, o pagamento de aluguer, etc. quedan adebedando cartos a Rateiro. Víanse contentos ante posibilidade de poder gastar os poucos cartos cobrados nas tabernas de terra firme. A súa ledicia ía ser completa na vindeira marea xa que o señor Rateiro como premio á súa antigüidade na empresa, vai para cinco anos “que viven grazas a el", ía dalos de alta na seguridade social
Hoxe chegou á oficina de telégrafos un dos mariñeiros cos que falei o outro día. Quería enviar un telegrama á súa moza.
“Cheguei onte de marea.STOP.Todo foi ben e xa cobramos.STOP. A ver se na próxima marea podo visitarche.STOP.Saio para o mar mañá.STOP.Xa sabes que te Kero.STOP”
Mándovos unha foto dun dos sectores máis boiantes que hai na Vila: o desguace de barcos.
Morse Ken