
A algúns de vós téñovos falado da Serea de Sálvora. Aquí a tedes nunha escultura que fai un curmán meu xunto cun colega.
Montaron un obradoiro de escultura, Arteleira- que según me contaron en barallete significa meiga (e xogaron coas palabras Arte e Leira)-, podedes ver máis traballos deles (ah, tamén venden)

Ao mellor embarcou nun conxelador que faenaba en Namibia.
Ao mellor alguén da súa familia lle pedíu un recordo de África.


Dende os tempos nos que andaba de apostolado non volvín a ter outra arma de visualización masiva conectado ao portátil.
Sempre me acababan pansodo cousas raras que acababan por convertir a homilía nun episodio de Mr. Bean. Lembro dunha vez estando nun salón de plenos como me cargara unha lámpara por apagalo antes de tempo, doutra como tiven que cortar unha parrafada que estaba botando a xornalistas e políticos para ir amañar o chisme, aqueloutra na que non puiden usar o meu ordenador por problemas de "compatibilidade" (o conto amañárase grazas a un "portátil alcalde")... sempre con público selecto e de postín vendo os erros tecnolóxicos e o meu sudor para conseguir que se vise algo na pantalla.
Sen embargo nada comparado con un grupo duns 50 adolescentes que esperaban a que lles proxectase unhas fotos nas que saían eles nunha festa escolar. Mentres me acaloraba tentado saber que era o que non estaba facendo ben para que se vise todo aquelo en grande, oín un comentario:"por tu culpa perdimos el recreo". Deixáronme como cando morreu Chanquete.

...vaise facendo de noite e todo vai a filisprín...

Remexendo no HD atopeime con esta foto. En Bhz tamén lle poñen "chispa" á vida... o malo era o ron que non había deus que o baixase.
Fíxense no sofisticado sistema de peche que teñen as botellas.
Sigue entrando xente na miña vida. A "de atrás" sigue sendo "de agora" e a que entra, xa forma parte de min.
Apertas a tod@s @s que pasades por aquí e non deixades recado pero sabede unha cousa: deixades pouso.
Iso fai sentir vivo a calquera.
00870762323321
Non é un nº de serie dun programa.
É o teléfono dun barco que está a 4 días de Suráfrica.
Podo entender certas cousas.
Incluso podo implicarme. Así o fago.
Non entendo o odio que espetaron as súas costas diante dos meus fociños.
Non me deixou abrir a boca.
Podo entender que este superada. Concordo con ela en que non é solución.
Quedo frustrado porque fago todo o que sei.
..., acea, chavella, sopexar, teaxe, chafrán, grou, friameira, claque, crina, flanela, creba, brado, grillón, glosopeda, frieira, gramil, gramar, crocar, viático, portela, ribazo, touza, vao, sebe, campa, caeira, baixía, poula, bulleiro, lazo, meda, mera, chousa, cómaro, cavorco, pucharca, xerfa, cadaval,...
A ver oh, dicideme que non son o único que non sabe o que significan estas palabras...

Según informa El Confidencial Digital os responsables de La Voz de Galicia chimparon a Xurxo Lobato. Sen entrar nas razóns da empresa, aínda que semellan ser unha escusa barata para desfacerse del, vai ser unha mágoa non atopar o seu nome ao lado das instantáneas no xornal. Supoño que choio non lle faltará porque aínda lle queda moito que dar antes de que alguén se lle ocorra homenaxealo cun Día das Letras.

Non, non son de aldea. Aínda así gardo no pañol infantil os escasos recordos da avoa. Ela sí que o era.
A casa da avoa non estaba lonxe de onde tiña as dúas leiriñas. Herdaraas dos seus pais e a ela tocáranlle só ese par de terreos: "A revolta" e a "Do pozo". Lembro, se a miña memoria non falla, que nunha botaba patacas e noutra millo.
O recordo aboiou cando repercorrín, logo de moitos anos, o camiño que levaba da casa ás leiras. Primeiro pola carretera da praia, pasabamos o río Pequeno e logo o Grande, en chegando ás saiñas alí estaban... Cando pisei a Do pozo pareceume ver a súa silueta tirando da carreta na que ían entre o batume as latas de mexillóns e cerveza con gaseosa para a merenda.
Durante a siesta na 2 daban un documental de monos:
"...hai distintos tipos de monos, distintos tipos de noces. Cada grupo de monos ten distinto xeito de abrilas. Xurde así unha cultura."
E eu pensei que iso da cultura era algo para xente que tiña unha aurea fosforecente e que tiña a palabra precisa para o momento xusto e resulta que é cousa de monos.

Ti lembralo, ben o sei. Aí en vez de os botellíns de deseño e o bafle percheiro había un par barriles de Ribeiro. Daquel viño feito a base de pos e auga da traída, clembuterol lle chamábamos. A canto nos cobraban a botella? A cen ptas.? A cento cincuenta? Daquela aínda saiamos cos cartos contados que nos daban os vellos, e ben que rendíamos as mil pelas. Daquela a taberna era taberna agora é pub. Aínda que a música era a mesma antes e agora.
O recordo máis claro que teño deles foi cando aquela noite saímos da casa coas bandeiras de capa (lembro que daquela non lle tíñamos estrela), apoiámonos sobre eles e vimos toda aquela historia daquel xugoeslavo que fallou un penalti. Recordo ben como acabamos botando a mica con sabor a ese viño cheo de cousas flotando mentres nos dicíndonos cousas como “vivimos nun país de merda”, “nunca chegaremos a nada”, “ é noso destino colectivo”,... despois daquela noite cantas veces,sen referirnos ao fútbol, nolo volvemos dicir?
En fin, sigamos gastando cartos nos bares ben sexa con Ribeiro ben sexa con destilados, porque razóns para seguir botando algunha chorada non nos van faltar.
Non sei cal foi a última cousa que fixemos xuntos o vello máis eu. Pero esta fin de semana non perdín a oportunidade de compartir brochas e rodillos para darlle unha man cor salmón ao baixo.
Faloume de xentes de mar, de chilenos (esclavos do mar) , de arxentinos (sindicalistas que pedían unha determinada marca de leite abordo), de africanos, de indonesios (os mellores mariñeiros que nunca topou), de peruanos,...
Sempre en barcos de bandeira de conveniencia, con armadores de nacionalidades lonxanas, con armadores veciños (que son máis ladróns), sen seguridade social, sen garantías de cobro, traballando en mares case inexplorados,...
As veces penso que todo isto do que falan Ramonet e compañía naceu nalgún porto da nosa costa.
Enunciado:
Un barco ten de tope de pesca 20 caixas diarias de xouba. O comprador paga por cada unha destas caixas 9 €. A tripulación do barco é de 12 persoas.
Tendo en conta que cada caixa soe meter entre 25 e 30 kg de xouba e que se un consumidor vai á praza de abastos a mercar 1 kg lle cobran 3,50 €.
Resposta botando contas:
1.-Canto vai ganar cada mariñeiro logo de ter descontado os gastos que hai a montemaior (gasoil, redes novas,...)?
2.- Quen son os propietarios reais dos Audies, Mercedes e chaléts que se ven pola Ítaca?
3.- Ante esta situación ti que farías:
a) Nada seguir traballando como ata agora, total sempre fumos un pobo de esclavos.
b) Darlle as gracias ao comprador por compranos o peixe, senón a ver que faríamos con el.
c) Facer estoupar un pouco de TNT.
En Cuba danche un bico.
Aquí damos dous bicos.
Na URSS dannos tres bicos.
¿Coidas que ten que ver co PNB?
De Margarita Ledo en Linguas Mortas
Achégome a o polígono industrial da aldea arrodeada de fábricas. No habitáculo escóitase a voz de Romaní falándome de cousas interesantes, coma sempre. Por riba do volante, as uñas do guindastre levan chatarra cara unha máquina que fai delas volvoricos. O ordenador emperrénchase en roubar a conexión á rede de calquera destes ladróns.
O tempo é unha estraña forma de vida que ás veces pide que se lle faga a eutanasia.

Pois iso, mar a dentro para el... igualiño que co Prestige.
Onte pasei o ferro mentres esperaba. Rematada a loita da arruga preparei unha fideuá con tenreira calculando o tempo para que estivese todo listo cando chegase. Chegou. Se coca-cola ou pepsi, se as xuntanzas de monte Pío, se os contos findesemaneiros.
Hoxe cheguei do traballo e xa fixera a comida. Agora durme un documental no sofá.
As veces non hai nada como compartir o cotián.
Manuel chamou á casa semana pasada. Está ben e contento nalgún punto do Índico. Contoulle aos vellos que dentro dunhas semanas o seu barco vaise a acercar a un mercante para que lle pase víveres, gasoil e carnada, si miserias dun traballo no que pasas 6 meses sen pisar nada máis que as cubertas dalgún barco que navega baixo pavillón de conveniencia. Ese mercante tamén vai levar correo e paquetes que dos familiares que dende terra a dentro temos unha visión máis lírica do mar.
Desta volta contou que se afeccionou á lectura nas cortas horas de descanso ou nas longas horas de estar ao garete nos temporais antárticos. Un curmá noso que está no mesmo barco pasoulle a Harry Potter e cousas polo estilo. Prestoulle ben ler esas letras e quere máis.
No paquete familiar quere recibir uns cantos libros, e os vellos derivaron o caso ao seu fillo maior “que para algo estudiou”. Grande problema para min, porque ademais de recomendar A Illa do Tesouro como medicina universal para calquer doenza, non sei moi ben que escribir na receita.
Aparte da anamnese descrita ata aquí vou tratar de aportar algún dato máis sobre o pacente e o seu caso:
Historial: Manuel ten 18 anos.Gosta da música tecno a todo volume (causa habitual de conflictos verbais co seu irmán maior). Fedella no ordenador o suficiente como para exprimilo ao máximo, isto é chatear, baixar pelis e discos ata que o disco duro bota por fóra. Gustálle a horterada do tunning e leva o corpo cheo de pirsins. Como tantos outros cansou de estudiar e foi para o mar. Fuxe de todo aquelo que soe a intelectualidade, escola e cousas polo estilo. En resume é un rapaz acorde ao tempo que vive.
Posible diagnóstico: achegamento á lectura debido á escaseza de oferta cultural que se dá nun barco pesqueiro que non toca porto en 6 meses (sei que este é un mal moi estendido e non fai falta estar “Mar adentro” para que se manifeste a doenza). Hai que ter en conta que nunca foi lector (todo máis algún textiño de revistas de tunning) e que se agora se dá co tratamento (libros axeitados) pasará de ter unha enfermidade a ter un vicio.
Tratamento: Lectura de ??? (aquí é onde pido axuda). Que lle pode gustar a un rapaz neo-lector (está ben usado este concepto (m)Alicia?) de 18 anos que está vendo un mundo que non creo que o recolla ningún libro?
Ah, no paquete tamén quere que lle enviemos unha tarrina chea de CDs con películas baixadas do e-mule (se son de tiros e peleas mellor) para ver no portátil.

- Vós, aínda que casarades, si que non cambiachedes nada a vosa vida, véxovos igual que hai dez anos. Aínda vos lembro aquela primeira vosa noite no portal daquel edificio do ensanche.
- Si e eu recordo como ti ao día seguinte me dixeches “como foi o conto de onte á noite para ti? así como aburrida ou foi algo máis? Para el foi algo máis”. Ao dicirme iso eu vin o campo aberto.
- Como? En parte teño eu a culpa de que esteades xuntos?
- Minimamennte, pero si.
- Que cousas, na vida pásanche pequenos acontecementos sen importancia que ao longo marcan a traxectoria vital.
Así como aburridos, gústame vervos. Canto levades xa? 8, 9 anos? Iso é unha eternidade. Cal é o segredo?

É o único traxe do armario. Gris clariño, con chaleco, máis de inverno que de verán e comprado de rebaixas nun hipermercado. Nese armario de loneta comparte vida con xerseis pasados de moda, niquis de traballo e outras roupas que non son do seu tempo. El prefire quedar alí colgadiño na funda antipolilla que figurar nas fins de ano e nas vodas, cada vez máis habituais, dos amigos e das amigas. Incómodo,claro que se sinte incómodo cando sae, sabe ben cales son os seus defectos de corte e coñece á perfección que peto está furado.
Coa vexiga chea, o traxe gris clariño, vaise aliviar ao urinario do restaurante. Alí atópase con outros traxes do pasado e póñense a recordas historias de cando eran camisetas reivindicativas e pantalóns vaqueiros. Nese baño entra silandeiro un traxe azul feito no corte dalgún deseñador con renome. Na solapa loce fachendoso a insignia institucional para o que foi elixido nas urnas.
Sen máis, o traxe azul chámalle jilipollas ao gris clariño por non saudalo efusivamente cando se cruzaron un hora antes. O traxe grieseiro comeza a enfiar a razón lóxica de que el estaba con outras pezas de roupa e de que esperaba atopalo para contarlle catro cousas do que institucionalmente deixa de facer. O traxe azul institucional crécese e comeza a falar de cando foi el o “único que lle permitiu facer deporte na vila”. O traxe gris sorrí abraiado e pregunta en calidade de que está naquel restaurante. “A ti que cojones te importa” brama o traxe do armario de caoba . Os traxes amigos fican sorprendidos e gris clariño tamén. Antes del color del traje está el "afecto persoal” sigue no seu ton despectivo o traxe que representa á institución. Gris sórprendese de eso do "afecto persoal" que el entende como non recíproco. Segue sen saber como responder aos agullazos do fío azul. “Porque cada uno pone el traje que quiere o que máis le convenga”, o gris si mete baza agora devolvéndolle a fiada cun “onde máis lle convén, ti si que es un bo traxe político!”. Azul segue enchido fai un xesto despectivo e de perdoa vidas a gris clariño. Vanse. No baño xa non quedan traxes.
O traxe gris volta onde están os seus compañeiros sentíndose como se tivese a petrina rachada e unha perneira furada. Remoe na súa bastilla a lentitude e escasa habilidade para devolver as puntadas noutros traxes, quizais por iso, e por moitas outras cousas, gris nunca levará insignia institucional na solapa. Máis queda cheo de carraxe e con ganas de volver a xunto azul e de resgalo de arriba a baixo. Pero cálmase, e pensa que os escudos solapeiros mudan de roupa e algún día o traxe azul volverá a facer fotocopias e ao caloriño da fotocopiadora non poderá chulearse e menosprezar a outros.
Traxe gris volve ao urinario a desprenderse dun pouco de ron, alí atopa a un compañeiro de armario de traxe azul mexando na papeleira do baño. Gris mexa e pensa como é posible que esta roupa mexadora en papeleiras estivera a piques de ter cargo.
O traxe gris volve ao armario de loneta, pero deixou recado á camiseta preta da estrela vermella de que cando se tope pola rúa a azul concelleiro lle diga “O único que sabes facer e menosprezar con chulería e cubrir impresos do DOGA. Felicítoche por iso, porque non hai moita roupa que o saiba facer”.