abril 26, 2005

Taberna

26042005.jpg

entre os grandes cascos
que albiscan o mar
flota a casa da viña na porta

as mesas de mármore
conservan as escamas
dos tempos en que só
se pelexaba contra o mar

a televisión tapada
por un pano traslúcido
que fai que as historias
se vexan na barra

cantos sobres marróns
cheos de billetes salitrosos
se terán abertos
sobre ese mostrador?

como se terán contado
contos mentireiros
sobre cinceiros de lata?

a onde varrería a taberneira
as bágoas esquecidas
no chan desgastado?

Postado por paleon em 11:17 PM | Comentários (57)

abril 24, 2005

Radón

24042005.jpg

Voltamos a xuntarnos o grupo terapéutico, desta volta ao redor dun mesa na que había prantas exóticas cultivadas na horta do convidante. Ademáis de risas e arelas de cambio falouse moito do Radón.

Polo visto o tal Radón é un gas radiactivo que emana de xeito "natural" directamente da terra. Curiosamente Galiza é unha das zonas que ten máis concentración desta substancia no ambiente. Hai quen di que a exposición constante que temos a esto fai que se manifesten en nós certos comportamtentos.

Así que xa saben, fáganme o favor, e o 19 de xuño vaianme votar con isto posto.

Postado por paleon em 11:27 PM | Comentários (82)

abril 20, 2005

O pracer da carne

Amoderei a velocidade do coche o suficiente para ir véndoas unha a unha, recreándome sen présa. Estaban sementadas ao longo da estrada esperando a conductores que como min, desexaban dos seus praceres. Desbotei unha loira que tiña perfilado un amplo sorriso que me pareceu falso. Parei na seguinte, morena de cabelo e pel, cos ollos de lume e unha boca provocadora. Dos demais elementos que lle eran propios escuso dar detalles.

Paguei o que me pideu sen regateo, estaba ben claro que o pracer que ía experimentar non se cuantifica en cartos.

- Cuns chourizos e un cacho de lacón eche unha boa comida - dixo mentres metía a mercadoría pola ventaniña do coche.

Postado por paleon em 10:46 PM | Comentários (205)

abril 16, 2005

La Naval "Dixital"

16042005.jpg

Hai unhas semanas descubría La Naval "Revista Atlántica". Nun dos comentarios ao respecto pedíase a dixitalización do asunto. Como me prestaron un orixinal que puiden retratar aquí volo deixo para quen o queira mirar.

O exemplar facsimilizado é o número 00, correspondente a Agosto/Septembro do 85. Todo o papeleo ocupa uns 18 MB.

Ah, se alguén o colle e o mete nalgún P2P estaría de putamatrix.

Postado por paleon em 08:11 PM | Comentários (230)

abril 14, 2005

Barcos de Xeo

14042005.jpg Foto de Lucien Girardin-Dagort

A tod@s aqueles que tedes unha parte do voso corpo navegando nos océanos non vos perdades a exposición Barcos de Xeo. Trátase dunha colección de fotografías de barcos galegos que andaban á procura do bacallao por Terra Nova.

Lucien Girardin-Dagort quitou fotos durante máis de 30 anos e preséntansenos agora no Museo do Pobo Galego. Rostros duros en barcos literalmente conxelados. Estas imaxes non me son descoñecidas, teño na casa ducias de fotograías tomadas en circustancias semellantes e con familiares posando, pero aínda así non deixan de sorprenderme.

Non se perdan a reportaxe da Revista da Letras onde falan do asunto.

Se van vela verán como nunha das fotos hai un señor, abordo dun bou, cuspidiño a este

... se vou a Bueu nun bou, se vou nun bou non vou...

Postado por paleon em 11:15 PM | Comentários (48)

abril 13, 2005

Recurso

Ante a indiciación de que lera un texto.

- Profe, tengo agujetas en los ojos.

Pareceume un recurso literario moi bo.

Postado por paleon em 09:49 PM | Comentários (257)

abril 11, 2005

Triki deixa as galletas

11042005.jpg

Postado por paleon em 08:43 PM | Comentários (28)

abril 10, 2005

Conversa

"...se non navegas co rumbo claro, vas a favor da marea e todo acábase combertindo no mercantil..."
Grandes conversas co autor, un nunca deixa de sorprenderse. Mágoa que non actualice o seu blog.

Postado por paleon em 08:35 PM | Comentários (89)

abril 06, 2005

A última vez que me fixei nel

Deixara o coche en liña amarilla nunha das rúas do ensanche, total só ían ser uns minutos. Metinme nas galerías co paso apurado polo coche e máis para que non me vira algún coñecido entrar onde tiña que facer o recado. Estabamos preparando daquela a despedida de solteiro dun amigo - eu propuxen unha chea de veces facer un única despedida masculina/feminina, pero non dá callado a idea-.

Abrín a porta e topeime de fronte cunha colección de consoladores, bonecas de látex, vhs e deuvedeses con corpos espidos na carátula. Había pouca luz e tardei uns segundos en albiscar un estrano trafego de portas que se cerraban ao fondo do local. Acerqueime ao mostrador e vin como un home sen arruga na roupa e barba ben recortada, me daba os bos días sen quitar ollo dunha pequena televisión que había nunha esquina do local.

"Viña porque... uns amigos falaron con vós...". O home deixou de mirar a pantalla e saúdome de xeito tardío. " Si, que era exactamente". Nese momento entrou un corentón que entrou con toda familiaridade pasou a carón do mostrador e dirixíuse cara as portas do fondo das que agora podía oír perfectamente uns xemidos. "Pois que encargáramos unha actuación dunha rapaza para unha despedida de solteiro". O dependente atendía o que lle dicía sen perder o sonriso mentres cun ollo non quitaba o idem da tele. "Ah, si para o estritis. A rapaza é esa do póster". Mentiría se dixera que me fixei nos ollos dela.

Comezou a garabatear nun papel. E mentras eu contaba os billetes notei que o homiño miraba agora cos dous ollos ben abertos para o monitor. Eu quería acabar pronto co asunto e non me atrevía a mirar o que se proxectaba naquel monitor. Paguei o acordado e entregoume un albarán -si digo ben- no que constaba o ingreso que acababa de facer para presentarlle á rapaza cando chegara o momento. Despedinme rapidamente e ao saír botei unha ollada furtiva á televisión.

Alí entre bragas comestibles, bolas chinesas e revistas había un monitor no que saía o papamóbil de camiño á praza de Colón.

Postado por paleon em 11:31 PM | Comentários (227)

abril 04, 2005

botar un pitillo

4042005.jpg

Fuxindo do que debería facer e non fixen, e logo dunha boa pateada polos arredores de Compostela, cheguei a unha butaca de perruqueiro. Era algo pendente pero non urxente. Total só ían ser uns retoques para mellorar a miña melena. E como non son home fiel a cabeleireiro, deixo que calquera me meta as mans nos meus cabelos.

Nada máis me puxo ese mandilón branco, prendeu un ducados e pegoulle unha calada. Deixouno nun cinceiro. Como apestaba o aire!- non hai cousa máis repunante que un fumador que hai dous meses que non fuma-. "Córtemo pouco, só o quero arreglar un pouco". A miña melena leva máis dun ano medrando como ela quere e xa dá para coller unha boa cola. "Si, iguáloche as puntas".

Clic.Pegou un tesoirazo na perrera e caíu un mechón duns 8 centímetros entre as miñas pernas. "Mire, non mo corte tanto". "Si home, só che estou igualando as puntas. Mira que o tes mal, a min non me gusta falar mal ...clic... pero o que che cortou a última vez o pelo non tiña nin idea", clic e varios clics rápidos. Ao non ter as gafas postas non vía o proceso cortador en cuestión. O clicqueiro fixo unha paradinha e pegoulle outra calada rápida ao negro que seguía prendido. Reiniciou a súa música tesoiril. "Mira que ben che queda agora todo igual".

Orientalizo a mirada e vexo polo espello que nun lado da cabeza xa non teño pelo que me colgue. "Estamo cortando moito, cortoumo demasiado". O mal xa non tiña remedio. "Que vá home!" ...clic, clic,..."que así che queda mellor, que antes metías verghuenza". Pegou os últimos clics e sacudíume os peliños que estaban pegados ao babeiro grande. Mentres eu collía os cartos para pagar a desfeita el pegoulle a última chuchada ao pito. "Ves, ahora moi ben e máis aínda o tes largo". Botei a man ao pelo e non mo din collido.

Máis dun ano facendo medrar algo, para que veña un calquera e no tempo que se fuma un pitillo cho tronce de raíz.

Postado por paleon em 09:21 PM | Comentários (245)