dezembro 31, 2003

Disfraz de fin de ano

O disfraz amargo

Ando polas rúas
ateigadas de caras sorrintes
que esperan a chegada das badaladas
para iniciarse no rito anual
de dar os mellores desexos.

Recibo un sms
que non sei se prefería
non telo recibido.
Dóeme todo o meu ser.

Son un sombra gris
que irradia pena e tristura
aos que me rodean.
Mellor ficar soterrado
na casa ata que se
vaia este disfraz de choqueiro amargo.

Non son quen de saír
deste disfraz apegado a min
quero deixalo no baúl
do faiado para sempre
non quero que volte a aparecer.
Quero voltar a ser eu!

Postado por paleon em 08:53 PM | Comentários (77)

dezembro 30, 2003

A nosa cultura e o paso do tempo

30122003.jpg

Levo todo o día de retratista museístico. Teño os pes reventados pero valeu a pena. Voltei a ese lugar máxico onde colle po todo o que foi a nosa cultura:o Museo do Pobo Galego. Creo que todo o que está alí forma parte de nós. Aínda así as culturas evolucionan para seguiren vivas, mantendo,obviamente, características que as fan pendurar no tempo. Acaso a xente que traballamos, cunha óptica galega, con ordenadores non estamos facendo cultura? Non estamos abrindo novos campos da creación?

Un exemplo que me atopei hoxe do que seguimos sendo dende hai tempo reflíctese na foto de arriba. Esta datada en 1895 e tirouna un tal Alfredo Estoup. Titúlase a Festa de San Palanquín. Agora mesmo acórdanseme moooitas festas polas que andamos todos que poden ter ese mesmo nome. As ganas de pasalo ben e de mofarse do máis sagrado non esmoreceron.

Postado por paleon em 08:25 PM | Comentários (243)

dezembro 29, 2003

A chuvia

29122003.jpg

Ando de novo pola cidade de pedra e auga.... Sempre me senta ben estar en Compostela.
Xa me fixen con "Do descoñecido ao descoñecido" de Manuel Rivas. El sempre ten as palabras precisas para o momento certo.

Postado por paleon em 10:17 PM | Comentários (31)

dezembro 27, 2003

O máis malo de todos

27122003.jpg

Acabo de ver,por millonésima vez, El Retorno del Jedi. Son adicto a ver esta serie de pelis. Lembro ben que esta afección ven xa dende moi pequeno.
Daquela interesábame a aventura e os efectos especiais futuristas das que están adornadas. Pero tamén me atraía aquel personaxe tan sinistro: Lord Vader, con so ollalo xa causaba terror. A verdade é que o caracterizaron moi ben: vestido de negro, metade home metade máquina, esa voz metalizada cos suspiros tan característicos,... Para ser sincero coido que este personaxe foi parte fundamental das miñas pesadillas durante tempo.
Para min, na ficción, nunca vai haber un malo máis malo que el.


Postado por paleon em 08:29 PM | Comentários (60)

dezembro 25, 2003

Lecturas do Natal

25-12-03.jpg

O día non dou para máis que ler e escribir. Sempre teño a costume de ler varios libros á vez, deixos e pasado un tempo retomoos. Hai algúns que incluso releo. Entre os que de seguro vou voltar algunha vez está unha escolma de contos do autor brasileiro Fernando Sabino O libriño que teño é unha tradución ao galego e titúlase Un cadelo menos e 29 historias máis e dende logo é moi recomendable.
Tamén ando lendo unha novela de Pilar Buela, Ácaros verdes na que reflicte unha óptica ben curiosa sobre os grandes dirixentes do nazismo: as súas compañeiras.

Postado por paleon em 10:10 PM | Comentários (110)

dezembro 24, 2003

Noiteboa

noiteboa.jpg

Nalgún lugar do planeta poida ser que alguén sexa feliz, eu coido que non o son. Sen embargo hoxe á tarde reencontrándome con persoas que había tempo, moito tempo que non vía e outras que vexo máis acotío, sentinme moi ben. Non creo no espíritu do nadal, pero será algo semellante?. Tiven momentos de felicidade ou foron espellismos?

Postado por paleon em 09:21 PM | Comentários (97)

dezembro 23, 2003

O escaparate da zapatería

escapara.jpg

Onte andiven por Compostela, ese lugar que sempre dá forzas. Gastei uns euros en libros, por fin teño unha Illa do Tesouro en galego, e sobre todo estiven con AbrilSempre recollendo o frío da zona vella.

Atopamos uns deses tesouros efímeros nun escaparate dunha zapatería. Neste escaparate había, pegadas ao cristal, fotos tiradas cunha polaroid. Cada foto tiña escrito a hora en que fora tomada e todas estaban quitadas dende dentro do escaparate cara fóra recollendo as persoas que miraban cara unha pintora. Esta pintora traballou sobre un gran lenzo redondo no que se autorretratou. Pero o máis chamativo era que no seu propio cadro saía, e facendo un xogo de reflexos de planos, o escaparate e o público que observábamos dende fóra. Enterámonos que era unha actidade do grupo Chévere

Adiante aínda queda xente a quen se lle ocorren cousas novas!

Postado por paleon em 01:25 PM | Comentários (113)

dezembro 21, 2003

Cultivos do Nadal

belen.jpg

Para a miña desgracia seguimos en nadal. Aínda así se poden atopar cousas ben "paveras" e se non mirade que clase de cultivos se dan no belén que puxo o concello na praza principal da vila. Polo que se ve a concelleira de parques (e beléns) é moi "enrollada".

Xa poderían dar un paso máis e deixar de plantar "flores ornamentales" polas xardineiras e rotondas e cultivar a maría alí. Cando menos non teríamos que esperar ata o Nadal para ver "verdura fumable" na rúa!

Postado por paleon em 09:15 PM | Comentários (321)

dezembro 20, 2003

O trasno do ordenador que le contos de nadal

marivas.jpg

Teño un trasno no ordenador. Aínda non o vin pero sei que está aquí dentro e debe ser bastante xoguetón e irónico o tipo. Lévame toda a tarde fastidiando, xa que primeiro non me deixou instalar unha grabadora, para min que traballa para a SGAE, e logo apágame o monitor como quen sopla nun candil... Será mellor que intente levarme ben con el... como se lle chamarei? a alguén se lle ocorre un nome para bautizalo? Voulle a ler uns contiños a ver se lle gustan.

Si voulle ler os contos dun libro que acaba de editar Xerais. Trátase de Contos de Nadal escrito por Manuel Rivas e ilustrado por Miguelanxo Prado (vaia dous). Ollo non se tratan dos típicos contos para cativos, xa que teñen certa "carga de profundidade". Gustoume especialmente un que xa lera hai tempo titulado O amor das sombras, é unha historia de des-amor, que ben me senta ler este tipo de cousas nestes días, na que ten unha importancia secundaria un elemento moi querido por min: o bacalhao. Gustaralle o bacalhao ao trasno?

Postado por paleon em 10:01 PM | Comentários (29)

dezembro 17, 2003

As táboas do Dreamweaber e un poema de amor

poemaamor.gif

Levo toda a tarde "fedellando" co dreamweber tratando de facer unha web con algo de xeito. Toda a tarde poñendolle ancho e alto ás táboas, arrastrándoas, encolléndoas, eliminándoas,... Se me parao a pensar que cantidade de cousas negativas se lle poden facer a estes "entes" htmlánicos.

Nestes tempos de nostalxia voltei a reler "Un Poema de amor" de Kiko Neves. Este Kiko é de Ponteareas, el chámalle Vilanéboa, e para quen non o saiba Vilanéboa está moi pretiño da República dos Soños.

Postado por paleon em 08:52 PM | Comentários (34)

dezembro 16, 2003

Cousas que aparecen

coelho.jpg

Ás veces botas de menos algunhas cousas que che fixeron feliz no pasado. Non falo de grandes cousas materiais, nin moito menos de persoas, senón cousiñas simples: un libro, uns papeis, etc. Simplemente pensas nelas, e pregúntaste onde as deixarías ou a quen llas emprestaches, pero claro como hai anos que non as ves a túa memoria non é quen de recordalo.
Pero de repente sen máis, e como por unha maxia que envolta todo o que facemos, ese mesmo día a cousa aparece.

A min hoxe pasoume cuns recortes dun suplemento cultural de La voz de Galicia do ano 97. Eran unhas columnas que asinaban Xurxo Lobato e Antón Reixa chamadas "Galicia Ficción". Antón comentaba unha foto de Xurxo, quitada sempre dun xeito no que se contrastaba a "modernidade" co "tradicional" de Galicia.... ¿porque non seguirían traballando xuntos?

Como conclusión quédome coas palabras máis famosas do que sae na foto, Paulo Coelho, "Cando queres unha cousa, todo o Universo conspira para axudarte a conseguila".

Postado por paleon em 07:32 PM | Comentários (141)

dezembro 15, 2003

De noite fronte á ría

Un anda medio tocado fisicamente e semella que non é quen pensar tan sequera. Hoxe é un día deses dos que non pasa nada ou o que pasa é mellor esquecelo... Bueno si, hoxe comezo a escribir esta bitácora.

Non fun andar a hora que me prometera a min mesmo......

Postado por paleon em 07:31 PM | Comentários (25)