
Embarcamos en vellos barcos que teñen estranas bandeiras no mastro e navegamos neles por mares de nomes impronunciables. Si, somos piratas.
O tesouro que buscamos non está agochado en ningunha illa deserta perdida nun vello mapa pergamino. O tesouro que ansiamos está a varios centos de metros debaixo da nosa quilla, aquí nos mares máis fríos. Ten forma de peixe e soe estar máis alá de onde se pode estar.
Temos un vixía no máis alto, con forma de antena, que nos avisa da presenza dos barcos das armadas de guerra. E fuximos, claro que fuximos, estamos á marxe da lei.
Ao chegar a terra firme- logo de ver mal tempo, vacios azulados e incluso morte - emborrachámonos e buscamos os praceres de mulleres exóticas. Certo comportámonos como auténticos bucaneiros.
No noso barco non manda nen Drake nen Barbaazul, quen manda é un cabrón que co seu móbil, e dende o Mercedes que nos roubou, di que nos metamos alí, no prohibido. Efectivamente, somos corsarios ao seu servizo.
Seguindo o xogo blogueiro-literario que inicou Dorfun e despois do capítulo 1 aquí vai 2... a quen lle apetece continuar a historia?
Capítulo 2
Pronto chegou á marquesiña que facía de estación de autobuses para coller o primeiro bus que o levaría á cidade.
Mercou o billete e subiu pola escaleiriña coa vista fixa no chan. Sentouse á vez que motor comezaba a bruar.
Cun rápido aceno da man desempañou a ventaíña. Mirou as dornas atracadas no pantalán e cara o faro que estaba nas rochas do porto. Abríu o caderno na que viña anotando os seus pensamentos dende que todo aquelo comezara.
Vilatriste 4 de Febreiro
Chamoume onte de madrugada. Sentíase soa e tiña algo importante que contarme. Díxome que prefería verme para contarmo. Quedamos de vernos dentro dunha semana en Cidadexoven e contaríamo.
Non teño idea do que quere pero xa comezo estar canso das medias palabras que o único que fan é complicarme. Aínda así creo que irei.
O autobús xa saíra da vila e serpeaba as curvas da vella estrada deixando o mar a súa dereita. Levantou a cabeza por primeira vez e viu que só ían dous rapaces e catro anciáns que probablemente fosen ao hospital.
Vilatriste 5 de Febreiro
Recibín un correo electrónico: “...procura non dicirlle a ninguén que ves a verme, pode ser perigoso...”.
Pero de que vai? Agora xoga aos espías ou algo semellante?...Para que lle diría que ía ir?
Estou lendo “Azulexos Suxos” de León Sarajef, anoto unha cita: “Os tempos son pasados, máis nunca existiron na realidade, só no maxín de quen os recorda”.
Pechou o caderno e deixouno no asento baldeiro do lado mentres fixou a vista nos cabos eléctricos que corrían paralelos ao autobús.

Deitárase cedo e cansa de tanto remexer naqueles vellos papeis enrugados e cheos de anotacións manuscritas. Os mesmos papeis que a atormentaban tódalas noites dende había anos.
Acostumaba a durmir soa, espida e ben abrigada cunhas vellas sabas fabricadas a base de nylon cheas de queimaduras de pitillos e de rachos feitos nas noites de pesadelos. Tempo atrás tentara durmir arroupada con outro tipo de sabas: liño, raso,... pero nesas noites de cambio os seus pesadelos semellaban ser moito máis reais.
Precisaba sentir o contacto cos polímeros do nylon na súa pel branca para pasar da vixilia dos papeis e das anotacións aos pesadelos da liturxia.
Aquela noite estaba certamente sen acougo porque á mañá seguinte sería a do rito. Rito que se levaba repetindo ano tras ano cando se achegaba o solsticio de verán.
Espertou cando aínda a liña avermellada do amencer a penas perfilaba as siluetas dos edificios. Duchouse, vestiu uns pantalós vaqueiros e unha camiseta de tiras azul. Almorzou e dirixiuse camiñando pola beirarrúa das baldosas rotas cara o rito.
Oíu pacientemente unha longa lista de nomes ata que chegou o seu. Entrou e sentouse. Comezou a escoitar o balbordo oratorio dende o seu asento no fondo da sala. Sentiuse tranquila ao ver que o orador se estaba referindo a cousas que lera nos papeis.
Ao seu redor os outros asistentes atendían en sagrado silenzo as indicacións do sacerdote.
Comezou a comuñón silenciosa que durante dúas horas ninguén se atreveu a rachar. Encheu todo aquel tempo branco de tinta azul mentres suaba cada pensamento que tiña. A suor fíxose tan pegañenta que a camiseta xa formaba parte da súa epiderme.
Pasado o tempo puxéronse en pé e un por un foron saíndo. Ela foi a última en erguerse. Dirixiuse cara o sacerdote lentamente. A cada paso que daba ía notando como a nylon da camiseta fluía da ropa á o seu sangue. Sentíase embriagada e relaxada á vez. Cando chegou á altura do sacerdote meteu a man dentro do seu bolso e sen mirarlle á cara clavoulle limpamente o coitelo.
Marchou sen mirar para atrás, pisando desta vez as baldosas enteiras da rúa.

Comecei a viaxe da fin de semana na Nasa vendo DondedOndÓnde. Vin o espectáculo coa Viaxeira que non viaxa, a cal coñecín fisicamente esa noite. Sen embargo, xa había tempo que nos desnudáramos mutuamente.
Logo, polos bares do acubillo e entre licor café e licor verde, afondamos no que somos e no que non somos, ... Acordamos viaxar.
O sábado, xa na Ítaca, estiven na reunión da Cofradía, na que aparte de pensar en como organizar o nosa día da Patria estivemos preparando outra viaxe cara outro Finisterre.
Logo fomos a Boiro a ver "as armas de diversión masiva" de Son de Aquí, na que Kiko Cadaval, as Leilía e Treixadoura me recordaron a riqueza das grandes/pequenas viaxes do máis preto.
Rematado o son fixemos unha excursión urbana que nos levou a viaxe no tempo. Retrocedemos uns 12 anos e voltamos a brincar, beber e súar como nos tempos en que os amigos eran moitos.

Regresei da viaxe e quedei con sara jes para axudarlle na súa en forma de bitácora. Ben vida ao blogmillo.

-Pode acabar como ti queiras. Só tes que imaxinar o final. Non preguntes máis, era unha das condicións para que che seguise contando historias, recordas? Non fales, tes que descansar...
Orixe de Sechu Sende

Abriron un novo Mc´Donals en Sobrado

Un aquí tal como é agora, con esas pequenas cousas cómplices creadas dende hai anos...
Supoño que botaremos de menos as viaxes diarias á froitería, ao supermercado,... onde máis que mercar íamos facer vida social coas rapazas que traballan alí.
Tamén nos acordaremos dos paseíños da tardiña ata a zona vella mentres falábamos das cousas transcendetes/intranscendentes que ten calquer persoa.
Eu xa me sinto tan de aquí como da Ítaca, e quero, pasado o verán, voltar ao acubillo da pedra ... e gustaríame voltar contigo.
Na miña casa non hai portas que me protexan de visitantes extranos. Non teño medo a quen poida entrar!
Sen portas, o vento entra libre e airéase mellor cando todo o ambiente está cargado.
Polos invernos, se entra o frío polos marcos, sei coller o teclado de peto e buscar quentura nas cociñas que me alimentan.
Pero se por algo me gusta vivir sen porta é porque non teño que andar con chaves que me obriguen a pechalas.

Como é que non pode ter unha morte máis digna? Non hai que enterrar os cadáveres alí onde viviron?

O primeiro foi o espagueti blanco nas noites
con especias
sen carnes
cravo, prixel e ourego
Coa xuventude á mesma pasta
viñéronlle as cores
engadíuselle atún
avecrem, tomate frito, máis atún
Tempo de fame
tempo sen cociñar.
Menú materno
Independencia recuperada
con guiso de fideos e fabas
,ghiso americano,
saboreados cos chourizos do corazón
Tempo de fame,
tempo sen cociñar.
Menú do amigo
Cociño.
Cociño peixe
carne
pasta
verdura
Incluso cociño noutros fogóns
Percorrín todos os quioscos do ensanche buscand un xornal que tivese un suplemento de historias sentidas e de sorrios... coido que o atopei.

A moza loira e de pel blanca, mentres apreta as teclas, soña con facerse famosa e con ter unha moza ben fermosa.
A señora canosa e del arugada, trocou a vella máquina por un ordenador con DVD. Segue sen ser famosa. Máis agora xa non soña, só chora nas noites da soidade.

A ver ... como comezo, a cousa empezou coa decoración das Crechas con fotos Agrop-Art, nabizas e CD-Roms basicamente.
A noite foi desas que pasan rápido do ben que o pasas, unha noite de andar dun lado para outro sen saír do mesmo bar, unha noite na que falas con moita xente, unha noite de moito licor café e Beade dry (viño con ghaseosa), unha noite desas que deixan poso...
En seguida se comezou a encher aquelo, e a DJ María pasouse toda a noite pinchando e eu adiqueime a vender o merchandaising chapero da festa (por certo que as existencias están esgotadas, para a próxima haberá que facer máis).
Dos primeiros en chegar foi Paco Penas, Dorvisou, que como ben dixo non podía quedar pero quixo deixar a súa presenza cunha bolsa de milindres de Vila de Cruces. Non vos podes imaxinar o ben que nos sentaron ás tantas da mañá.
Foi espectacular a entrada nas Crechas de Porquiño, señora e Deneno. E moi saboroso o licor café, totalmente clandestino e da casa, que puiden probar.
Non puiden quitar a foto que prometera a Anxos, ela non puido vir, e Rosa... a próxima vez será!.
Tiñades que ver as caras da xente que chegaba, e non sabía de que ía o rollo, ao ver todo aquelo e ao oír aquela música. A maior parte acabou entrando na historia. Lembro duns tipos de Cuenca que acabaron mercando unhas chapas e pagaron en dólares, a ver que imos facer con este símbolo do imperialismo!.
Tamén coñecín a un Cesare emocionado oíndo o Sementar sementarei..., a dous Aduaneiros, a señora Dot (espectacular o seu look con complementos incluídos) e outros que irei recordando pouco a pouco ...
Se non lembro mal alguén trouxo unha tarta dicindo que era o cumpleanos de Jean-Solparte (como se parece fisicamente a Jaureguizar!).
Apareceu Depósito e xxx e recordamos que temos cousas pendentes para botar a andar.
Tamén saudei a commentadores blogueiros: (m)Alicia, Jacarendinho, Duquesa, Subcomediantes, etc.... e de seguro que tamén falei con algún que de seguro o era e eu non o sabía. Non sei con canta xente estiven facendo proselitismo para que monten o seu blo e dean o paso de espirse na rede... a ver se cae algún máis no blogmillo!
...aos que faltáchedes botóusevos en falta...
Non sei se a festa terá a transcendencia que lle dá Cesare, pero de seguro valeu para pasalo ben e comprobar que a rede non ailla ás persoas...
En fin, que acabei a noite cos pés rebentados grazas ás fanequeiras, que eran dunha talla menos do que deberan ser...( si ao final non levei as zocas) pero co sorriso que me supuxo poder poñerlle cara a xente que leo.
Postpost: este debe ser o post, dos que escribín, que leva máis ligazóns!!!
De momento crónica fotográfica


Foto 2:Unhas, ou uns?, agropopis nun posado

Foto 3:Miren os baterolos recén comprados en Berska destas blogueiras

Foto 4:Un dos esponsors oficiais do evento

Foto 5:Blogueiros que non viñeron cos requisitos de vestimenta, como é que os deixaron entrar?

Foto 6:A DJ dando caña con Ana Kiro

Foto 7:Uns asistentes á agrofesta. Fíxense na camiseta do señor da esquerda.

Foto 8:Blogueiros que queren seguir estando no anonimato

Foto 9:Aínda que non o crean, o que hai na copa é viño con ghaseosa

Foto 10:Blogueiros chegados directamente de sulfatar

Todo vai de festa en festa. Dende moi preto da parroquia de Depósito envíanme un sms.
Hoxe as dez da noite festa do cu o aire en aguiño.Vai ser boa.q rule.
Tocarán, como non, A Compañia do ruído.
Lamento non poder asistir, a esta festa alternativa. Hoxe toca festa no blogmillo... que nervios!!!

Lamentablemente non imos poder contar coa compaña del pero envíanos o seu "saúdo", como en calquer boa convención que se precie, na que nos suxire que estes inapreciables elementos Agrop-Art sexan sorteados.
Aínda non se apuntou xente para vir botar unha a man para decorar as Crechas... veña, veña que o de facer de decorador tamén pode ser unha risa.

Visto que hai que ir de punta en branco para a Agrofesta fun mercar algo que calzar para lucir co manderete da señora Flora.
A verdade é que saín coa intención mercar unhas chanclas de goma modelo Piraña en Verano Azul. Pero logo de percorrer uns cantos establecementos do centro comercial máis antigo de Compos, de xeito baldío xa que o meu número non se fai, entereime de que se chamaban fanequeiras.
Acabei entrando nunha zapatería ben velliña e medio destartelada na que entre os estantes, ateigados de zapatos mal colocados, había calendarios doutras décadas.
O dependente, que semellaba ter entrado nos setenta había ben tempo, atendía a un paisano, só uns anos máis novos que el. O cliente vestía un traxe roído polo tempo e unha pucha gastada polos suores que dá o traballo. Pagou cun billete de 10 euros as puntas que mercaba –cobroullas ben cobradas, catro euros, xa que non debían de ser máis de unha ducia delas- e esperou pola volta. O zapateiro foi lentamente cara a transtenda a buscar o cambio.Trouxo un billete de cinco e unha moeda de un euro. O dependente diríxuse cara min cando o outro cliente lle dixo:
- Que volta me dás?
- As puntas valían catro euros e eu devólvoche seis.
- Ah, pero eu pensei que eran 4 pesos.
- Como que 4 pesos?, ahora xa non hai pesos – afirmou coa forza da razón- só hai euros.
- Como que non hai pesos? Si que os hai. E logo os pequenos marróns que son?. Son pesos e pesetas – autorrespostou a súa pregunta.
- Non, agora as pesetas e os pesos non valen.
O dependente tentou demostrar que as pesetas xa non valían ,facendo didáctica das moedas, ensinándolle varios tipos de moedas de céntimo. Pero o cliente marchou sen estar convencido de que os pesos xa non existían.
Eu fixen a miña compra, unhas zocas vermellas, e o dependente colleu de debaixo do mostrador unha bolsa de plástico na que se lía “Computer Idea, Trucos para Internet”.
Estooo, por se alguén non o sabe aínda hai unha Agroparty en marcha... Na bitácora de María estase facendo un listado de blogueiros "que confirman asistencia"...,rediola esto vai parecer unha voda :))

Quen son eu para falarche a ti de quilómetros, de estradas e de sinais de tráfico. Ben sei da túa afección, sabes que compartida, dos carteis plantados á veira da estrada. Máxime cando estes fan referencia a nomes de lugar.
Eu, ultimamente, viaxo sen mapa de estradas. Si, deixome levar polas estradas fixándome na literatura letreirística. Claro que me gusta saber por onde ando!, pero eso non quita para que sexa unha aventura ter que ir intuíndo cal é a mellor rota para chegar ao destino.
Evidentemente este sistema de viaxe, que podía chamarse indirecto, tráeme algunhas consecuencias que a simple vista poden semellar negativas: dar máis voltas para chegar a un sitio, chegar a perderese, etc. Pero sen embargo permíteme pasar por sitios que quizais doutra xeito nunca tivese visto. E creme, hai veces nas que estas perdas compensan toda á vixe por moi longa e cansina que esta sexa.
Nesta forma de viaxar é inebitábel ir a modiño, e incluso, baixar a xanela de cando en vez para preguntar se vamos polo camiño certo. E ben sabes, que ás veces, a persoa a quen lle preguntas leva o mesmo destino que ti... E claro convídala a subir para facer a viaxe en compañía.
Ben sei do enriquecedor que soen as ser as viaxes compartidas: pódese comentar esta noticia, ese coche que pasa, aquela paisaxe, esoutro pensamento intímo e profundo...
Pero ás veces tamén pasa que a persoa que che acompaña decide non seguir viaxe máis con un... e ahi pódese decir que se inicia un retrono solitario.
Non gosto doss sinais toponímicos coa franxa vermella cruzada porque semellan indicar que por alí non as de voltar pasar. E non é certo porque ,ao mellor, nunha vindeira viaxe, voltas a rodar por esas estradas e quizais voltes a parar preguntar, e quen sabe, se voltas a topar a quen foi compañía nunha anterior viaxe...

Ehhh, que a Agroparty, Día do Orgullo Pailán, está en marcha. Lembrade que é o venres á partir das 11 na Casa das Crechas.
Como ben informa María xa se está preparando o merchandaising da festa que consitirá en 4 modelos exclusivos de chapas solaperas, estilo heavys “dos de antes”,en existencias totalmente limitadas. Esto axudará a contribuír a sufragar a orquesta, os fuegos de artificio e os 4 gaiteiros que van facer o pasarúas. :))
Como veredes neste post xa está listo o cartel definitivo para encolar polas paredes. Pódese aproveitar a cola fresca dos carteis recén pegados nos valados que teñen caretos de políticos e de xente facendo “posturitas”.
Os ramistas estivemos pensando en como decorar o garito e para iso vanse precisar distintos materiais, a saber:
- CDs vellos (deses que todos temos e que se cascan coas gravadoras baratas nos equipos vellos).
- Verduriña do país: vale calquera, dende a santísima trinidade (grelo, nabo e nabiza) ata o artístico repolo de Betanzos.
- Bótellas vacías de gaseosa, bebida Agropop-Art onde as haxa, con tapón mecánico. Caladinha xa ten localizadas algunhas da zona do Deza. Pero estaría ben facer unha colección de gaseosas de distintas partes do país. Sería un bo comezo para iniciar o tan demandado Museo Galego da Gaseosa (M.G.G.) que se vai construír, como todos sabedes, na Cidade da Cultura de Galiza, e senón que nos expliquen que é o que van facer nesa torre con forma de botella de gaseosa!!
- Sachos e ferramentas varias.
- Calquer outra cousa que se vos ocorra.
Agradeceríamos a calquera que puidese aportar calquera destes materiais, sobre todo os CDs vellos, que deixe aviso para ver de como facelo chegar.
Lembrade tamén vir con roupa Agropop-Art, a maiores, para facer o intercambio de camisetas AP-A, tal como fan os futbolistas de 2ª Rexional ao rematar o partidiño.
Os ramistas agradecerán todas as mans para axudar a decorar o local. Tentaríase quedar o propio venres sobre as 8 da tarde.
Veña, veña que o venres xa esta aí..... e mellor publicidade é a da boca a boca (léase copiandopegando e espaneando estas cousas por ahi).
Estiven buscando no caixón da mente cal é a foto máis vella que temos xuntos, e non a vexo. Supoño que será unha desas de grupo que se facían antes nos colexios, si desas que teñen o mapa das Regiones de España detrás e un feixe de libros vellos á dereita.
Sen embargo, si me veñen á mente moitas outras de cando eramos máis mozos e de cando non levábamos tantos paus.
Os dous sabemos que as fotos sirven para fixar os recordos,quizais por iso, non quitamos a cámara nunca do bolso.
Xa é mala sorte que agora que entra o verán te chegue un inverno. O meu inverno, como ben sabes, chegou co o primeiro vendaval do outono. E alí estabas ti, coma sempre, para quentarme co calor dos teus flashes e para retratar as miñas bágoas...
Eu estou aquí, ben sabes, para seguirmos vendo pasar as estacións, as do calor e máis as do frío; e para seguir tirando fotos xuntos, en branco e negro e máis en cores.
Santiago 14 de Xuño de 2004
Ola amigos e amigas.
Como vos vai? A min vaime moi ben, non sei se vos falou xxxx sobre min, ela mandoume unha carta e eu resposteille cunha postal. Agora, dende hai case que un mes, doulle clase a uns mozos e mozas maiores que vos nun instituto da Coruña. Alí case que ninguén fala galego, non coma vós que todos o falades moi ben.
Supoño que agora xa estaredes contentiños por que se achega o verán e ides poder ir á praia todo o tempo do mundo. E ademáis non teredes que madrugar para ir á escola :-) .
Estáseme ocorrendo que ao mellor, logo de que vos ergades tarde, vos gustaría ler un libro, si xa sabedes esas cousas que teñen páxinas e que contan historias. Se me permitides, vouvos facer unha suxestións de libros que ao mellor vos gustan (a min gustáronme cando os lin e por iso penso que ao mellor a vós tamén vos van gustar):
-A Illa do Tesouro que o escribeu un tal Robert Louis Stevenson : é un dos libros favoritos meus... ademais sae un mapa que leva ao tesouro (xa sabedes o que me gustan a min os mapas, hehehehe).
- As flores radioactivas de Agustín Fernández Paz. É a historia dunha nena da vosa idade que se embarca nun barco para salvar o mar contaminado.
Pero se non atopades estes libros, de seguro podedes ir ata a biblioteca e coller algún outro libro para que vos acompañe nas vacacións. E senón, seguro que tendes un feixe deles, aínda sen abrir, pola casa adiante.
Eu este verán penso ir de viaxe por Galicia a percorrer sitios. Penso ir buscar , e atopar, tesouros agochados (non falo de xoias, nin de ouro, eh). Os tesouros que máis me gustan a min teñen forma de paisaxes, árbores, persoas, etc. É divertido ir atopando cousas polas viaxes. Ao mellor paso pola vosa vila, e quen sabe, ao mellor atopámonos.
Como vou viaxar no meu coche supoño que irei oíndo a radio. Gústame moito oír radio mentres conduzco, escoito as noticias, os deportes, música,... Tamén levarei uns CDs de música para oír mentres non atopo os tesouros. Probablemente leve aos Diplomáticos de Monte Alto, estes son da Coruña pero falan galego, tamén escoitarei a Leilia, sei que algún de vós coñece moi ben a algunha das que toca neste grupo, hehehehe. Ah, e tamén levarei algo dun rapaz que se chama Manu Chao que canta cancións que teñen unhas letras que falan de igualdade.
Pero tamén pasarei algún tempo na casa, e tamén andarei conectado a internet. De seguro que visitarei este enderezo http://www.ciberlingua.org/marcadores/ .Aquí hai un feixe de páxinas nas que hai xogos, historias, etc, si desas cousas que nos gustan a todos.
No tempo que pare na casa tamén penso ver unhas películas que baixei de internet (shiiis, non llo decir a ninguén que eso de baixar pelis da rede non está moi ben visto hehehe). Hai unha que teño ganas de ver especialmente, é Rebelión en la granja, si está en español. Víchedela? Pois para os que non a viron e a historia dunhas galiñas que tentan fuxir dun galiñeiro no que non teñen liberdade. Outra peli que teño moitas ganas de ver é Shrek 2 (tamén en español), é a segunda parte dunha historia na que o heroe é un bicho verde, gordo e feo... pero é tan simpático!!!
Bueno pois xa me despido ata a próxima, dade recordos a todos/as por ahi (si a yyyy tamén que xa hai ben tempo que non a vexo).
Pasade un bo verán, e se alguén me quere escribir xa sabe que eu resposto, e se me mandades historias ou poemiñas que escribades moito mellor. Unha aperta:
Paleón
P.D.: Como veredes acompáñovos esta carta con un CD para cada un de vós. Neles van as fotos e os vídeos que gravamos durante o tempo que estivemos xuntos. O prometido é débeda.
A min tamén me gusta comezar cadernos novos.
Teño o vicio de mercar moitas libretiñas de distintos tamaños e tapas, para sentir o seu recendo e o tacto pulido do novo. Prefiro que sexan brancas, sen pauta ningunha, para poder ir escribindo a historia ao gusto, sen imposicións de tamaños e tipos de letra. Soen acompañarme nas viaxes para recoller notas e ideas, sonme útiles. Van medrando comigo. Enriquécenme. Ademáis acostumo a ter conta delas, como se fosen algo valioso, como se fosen un amigo...
Acostumo a non rematalas nunca, quedan por ahi con moitas páxinas por encher, pensando que algún día quizais volte a retomala e siga escribindo a historia inciada.
Tenme pasado de sentir vergoña ao reler o escrito antes, pero tamén me paso o contrario: alegrarme de ver como recollín un sentimento dun momento concreto.
Creo que á libreta non lle importa que o faga. A min non me importa que mo faga.
Este ano tamén merquei unha, coa súa cuberta marrón e os seus meses na miña lingua, máis coido que só fixen unha anotación nela. Deixena rápido, non estaba disposto a cargar cun peso que me recordase as cousas, sen importancia, que debía facer. Pasei a apuntar, só as cousas importantes, na cabeza. E esas non se me esquecen.
Iso si, non estou disposto a cambiar a miña axenda mental/vital, por culpa das variacións eólicas das axendas de outros.
Logo desta fin de semana eminentemente ramista e bloqueira, conseguín facer un novo xoven blogueiro: Benvido ao blogmillo Antoxo. Esperamos con ansia ler as túas historias de adolescente :))

nas mañáns de verán a praia en marea baixa combértese nun prado rochoso. Ao pisalo máncanse as plantas dos pés e chegan a facer sangue. Aínda así, impulsado por un estrano alento, énchese de feridas buscando ao mar.

Esta semana alguén me falou do concepto de Autoodio aplicado á lingua... este letreiro pode ilustrar ben a idea?

A nosa costa non está exenta de manifestacións AP-A. Aquí un exemplo de "señoritismo" mariñeiro.
Pido axuda tésnica, alguén sabe como podo configurar o Mobable Type 2.64, para poder facer un Fotoblog?. Creo que sería o mellor para ir colocando as obras Agropop-Art (permitiríanse comments, etc)
O recipiente está cheo de gas cuestionador, que flúe por todo o seu espazo expandíndose polas fisuras. Chegado un momento, a presión que provoca o gas sobre o recipiente é tan elevada que é inevitable que teña saída.
É así como o gas cuestionador se transforma en líquido verbalizado que se fai preguntas.

- Non ves!! desde que entraron estes xa dan "postos de traballo fijos".
- Pois haberá que ser deles, lo!.

Aproveitando que o Blogmillo ten que facer o seu congreso anual, vaise celebrar a Agroparty na Casa das Crechas en Santiago.
O evento desenvolverase, “se as autoridades e o tempo o permiten”, o vinderio venres 18 de xuño a partir das 11 da noite.
O local que estará acondicionado tal como se merece o evento e respectando as directrices artísticas da corrente Agropop-Art.
Prégase aos asistentes que non desentoen e que veñan ataviados como corresponde: bata cruzada, funda de faena, viseira de Saprogal, etc. Para os máis urbanitas recomendamos que visiten as boutiques do mercadiño da súa cidade. Será requisito imprescindible para acceder ao local presentarse co palillo na boca.
Tamén se recomenda asistir coa papeleta do PP, dirase o nome en público para aquel que aporte a papeleta máis antiga.
Entre as actividades que están programadas podemos destacar:
- Concurso de playbacks pailáns: Ana Kiro, Pili Pampín... e tantos outros de “ayer y siempre”.
- Exposición do catálogo de fotos de obras Agropop-Art.
- AgroBershka: espacio de intercambio de vestiario (camisetas, gorras, complementos, etc) agropopenses.
- Estreno mundial do primeiro documental Agropop-Art.
- Proxección de fotos e imaxes.
- Sesión DJ de música “do pais”.
- Haberá “degustación” gratuíta de Varón Dandi e Floid.
O programa aínda non está pechado e está á espera das suxestións de todos.
Como toda boa romería que se prece ten que honrar a algún santo ou santa, a ver se alguén se lle ocorre como pode ser o santo do Blogmillo.
En http://www.paleon.net/agropopart hai un especial Agropop-Art que recolle todo a información sobre o evento.


Miren que cousa máis rara... semella ser a miña bitácora en ruso....


A carón da lareira,
co seu pano de loito á cabeza,
espera María a chamada do fillo.
El marchara, hai ven tempo,
a unha cidade con autoestrada
Cando veña hei de mercarlle un microondas,
xa verá que ben quenta o caldo
Ela prefería que seguise alí, con ela,
tiñan cota leiteira como para vivir dignamente
ademais as ordeñadoras eléctricas adiantaban moito o traballo.
Máis el quería traballar facendo páxinas web
estaba farto de andar entre a lama e o estrume.
Quería cambiar o vello John Deree
por un Golf GTI de segunda man.
Afixérase rápido ao uso do aparello que fala,
Cando el llo regalou
foi das primeiras da parroquia en ter un.
Mire mamá para cando eu marche,
Poderei falar con vostede...
Só lle ten que dar aquí.
Anda sempre con el no peto do mandil
á espera de que soe.
Sempre ten conta de que o teléfono teña batería
Non fóra a ser que cando a chamen se lle corte a chamada.
Co tempo os veciños foron marchando,
e finando,
Aos poucos foi quedando soa na aldea.
María non sabe
que na súa aldea
os móbiles xa non teñen cobertura


Esta peza mostra parte da obra dun novo artista agropopense que se podería encadrar dentro da subsección artevoador. Observen as tonalidades cromátidas no ferro do araveleta que recordan moito á paisaxe galega. Esta obra ten claramente unha influencia neoespañolista como ven se ve nas cores que usa o autor nalgún detalle da peza. Estamos, pois ante unha peza costumbrista.
É así como nos agradeces o que fixemos por ti?
Acaso non fomos no teu auxilio,
cando fuxías da negra tribu do oeste?
Non te lembras, Omar, de como pelexamos
para que os do norte deixaran de radiarte?
Xa esqueciches aquel amencer de verán, en Sálvora,
onde nos prometéramos silencioso respecto?
paréceche ben o que acabas de facer, Omar cabrón ?
A todas as mulleres que algunha vez forzaron a vista no horizonte buscando a chegada dos seus.
Descansen na paz da terra e na paz do mar

Magago falounos do fresobocoi, máis quen aporta este excelente documento gráfico é porquiño. Moitas grazas meu.


...Ibérico será,... pero a min confianza ningunha...

Outra mostra da escola Agropop-Art, a furghalineiro, onde o autor semella utilizar esta vella furgoneta como pequena habítáculo para aves domésticas.
Ademáis esta peza de arte vai abrir paso a unha nova galería de imaxes titulada "Cadáveres á veira da estrada".
Estes cádaveres, foron abandoados de calquer xeito, sen ter un santo enterro. Ben como un alegato á deixadez humana ou ben como posible elemento agropopense, tal e como se representa neste caso.
Ei por se alguén non a sabe a estas alturas, estase preparando unha xuntanza do Blogmillo a través dunha festa Agropop-Art. A ver que queda xente por falar e decir que lle parece a idea :D
Puiden ter acceso a da reedición do 1º tomo da Gran Enciclopedia Galega, no que se tenta definir o concepto Agropop-Art.
Agropop-Art: [gre. agros]. Manifestación artística xurdida a principios do século XXI caracterizada pola armoniosa simbiose de elementos tradionais e postmodernos da nosa cultura. O entorno onde máis habitualmente se dan estas manifestacións plásticas é no rural galaico.
Este movemento xurde como consecuencia de levar ata as últimas consecuencias a máxima medioambientalista da Reciclaxe.
Pódese considerar como un movemento de deseño aplicado, xa que o autor sempre busca que a súa obra teña unha aplicación máis alá do puramente estético.
As obras catalogadas ata o momento son:
- Miniinvernadoiro? (á espera que o alto comité do Agropop-Art chegue ao consenso).
- Cedespantallo
- Barreiros
- Bombomaceta
- Rodamaceta
- Potemaceta
Nota do autor: esta lista é incompleta e está á espera de que se produzcan novos achádegos desta corrente para integralos neste catálogo.

A Dr. Caladinha afirma ser a responsable da descoberta do precursor do precursor da primeira manifestación Agropop-Art, a "Rodamaceta", que se dou no noso país.
A vista da foto arriba exposta, magnífico exemplar de "Poteflorero", e dende esta solemne tribuna, non teño máis remedio que solicitarlle que corrixa as súas afirmacións científicas... ou é que caso foi antes o tractor que o pote na historia do AgroPop-Art?
Sen máis saúdao:
Paleón
Dr. en Ciencias Artísticas e Neomodernas do Rural
O silencio bota do seu lugar ao ruído
e o desorde recóbreo todo.
as mensaxes pérdense
na atmósfera vacía de osíxeno.
non hai resposta aos gritos.
Chega a obscuridade ,
vai sendo hora de apagar as velas
