khadilla naceu nunha casa pobre de Tetuán. Sendo ben pequena víu como os seus curmáns xogaban ao ping-pong sobre o que fora unha porta. Ela colleulle o gustou ao asunto e os curmáns regaláronlle unha raqueta. Con 8 anos empezou á escola e na súa carteira non houbo día que non estivese aquela raqueta. Pensaba que aquelo que tiña nas mans algún día podería ser o remo que fixese mover o barco que a alonxase da miseria na que vivía. Ela medrou mentres batía pelotas coa raquerta, deixou a escola e os seus pais casárona: fíxose muller.
Hai uns días atoparon o corpo inerte de khadilla flotando sobre un pneumático no estreito. Nas súas mans había dúas raquetas de ping-pong que usou como remos.
... nen tan sequera hai folletos de telepizza no buzón...

Xa comezo a situarme na vila. Teño habitación nunha pensión e xa coñecín un par de persoas coas que compartir tardes de café e parola nas terrazas do malecón.
Dende hai uns días as rúas están ateigadas de postos de venda, músicos e atraccións de feira. É festa na vila.
Moitos dos telegramas que estou enviando estes días son invitacións a parentes seus recordándolle cando son as festas na vila. As respostas de aceptación non se fan demorar, reproduzo aquí unha delas:
“Confirmamos que imos ir cinco persoas STOP Resérvanos sitio na tribuna do desfile STOP Viva San Duarte Redentor STOP”
Polo que sei San Duarte Redentor viviu hai moitos anos nunha terra distante a moitas leguas de aquí. Polo visto foi causante de acontecementos extraordinarios como a replantación de pachulí nos montes e a chegada da luz eléctrica sen fíos a todos os fogares deste país.
O caso é que todos os actos destas festas organízanse para homenaxear e honrar a San Duarte Redentor, como din aquí “Patrón da Vila”. Quítase unha reproducción en madeira policromada e pasease por toda a vila mentres os fieis aplauden e cantan cando a comitiva pasa ao seu carón.
Este non é un feito illado, xa que hai unha institución ben arraigada na sociedade que promove e mantén estas tradicións. De feito cada vila e aldea ten o seu patrón local.
O señor D’alata é un dos principais impulsores económicos desta festa.
Morse Ken
nai,
ao mellor algún día
vas levarme unha manta as reixas
eses,
dos barcos roubados
propietarios das nosas vidas
nai,
estou cheo de carraxe
vendo como te consume o acougo
eses,
que pasan por filántropos
e son eternos ladróns de esperanzas
nai,
o teu valium xa non abonda
é tempo de coller o bicheiro de punta afiada
Un poema de aniversario para min mesma
Voando chegas a unha casa baixa
nas aforas do soño
unhas portas ábrense cun rincho
dende a escuridade saúdate un silencio antigo
(pó es e aquí vas perder a vida)
Sorprendécheste tanto de que o tempo
correse sen pegadas ata esgotarse
nunha viaxe circular da casa e á casa
por un momento paréceche que
o enigma finalmente se resolveu
ergues a man
pero a imaxe esfúmase e colles o vacío
e unha risada cruel séguete
ata o soño seguinte.
Ingibjörg Haraldsdóttir, (Pegadas dos días, 1983)
Ingibjörg Haraldsdóttir é unha poeta islandesa. Islandia é un país que ten unha estación na que todo está escuro e fai frío. Tamén é unha illa.

Tomei posesión do meu posto na oficina de Correos e Telégrafos da vila. Semella ser un lugar tranquilo e cun bo ambiente de traballo entre compañeiros. O traballo nestes días non é nada estresante, enviar uns cantos telegramas ao Goberno Civil e recibir outros tantos de emigrados para as súas familias, aínda que ten o seu aquel por ser novidade para min.
Cando salgo do traballo tento facer vida social cos nativos da vila e para iso percorro as prazas e rúas dando longos paseos e saudando sorrindo a cada persoa coa que me topo. O único que conseguín foi que me devolvesen o sorriso unhas ducias de veces e que me falasen do tempo un par delas.
Decidín mudar de estratexia e senteime nun banco da praza Principal a observar o que fan os vilegos. Sorprendentemente case que todos, logo de dar un paseo baixo a sombra dos castiñeiros de indias, entran nunha casa cun letreiro na porta. O letreiro pon Bar Principal. Alá fun.
Resulta que o espacio habitual da cidadanía local son os bares, descubrín máis noutras rúas. Son lugares públicos onde a xente bebe, xoga nas máquinas comecartos, merca tabaco, ve o fútbol na televisión,... pero sobre todo falase e estase con outra xente.
Alí, entre as cascaras de cacahuetes, cóntanse as penurias da escaseza de sardiña, as alegrías de ver o millo medrado, as indiferencias ante o repuntamento do prezo do barril de petróleo,...
Chamoume especial atención algúns vilegos que despois do xantar xúntanse en grupos de catro e ao caloriño duns cafés, edulcorados cun estraño líquido amarelo, séntase nunha mesa a xogar ás cartas proferindo grandes gritos e risotadas. E alí pasan toda a tarde.
Algúns parroquianos usan estes establecementos como lugares para deixar cousas ou recados a terceiras persoas. Cunha función semellente á dun apartado de correos colectivo onde o carteiro é o propietario da taberna.
Pero o realmente abraiante é ver como entre os barrís de Ribeiro e a máquina do tabaco. o alcalde, o cura, o dono da conserveira e demais poderes locais deciden que facer homenaxear a D’alata.
Morse Ken
o estar a destempo
e a multitude de fóra
botáronme cara o asfalto.
un decorado pantasmagórico (dise así?)
composto de silenzos
e reixas baixadas.
andiven os lugares nebulosos
onde a memoria fai o recordo doce
con sabor a calimocho.
o gadis aquel que antes era novo
e tiña outro nome
ten a ferruxe aniñada nos letreiros.
a esquina onde pintei o único
corazón co meu nome dentro
cubreuse de moitas mans de pintura.
nin puiden escribir isto
nunha mesa daquel bar
onde facían a tapa de ensaladiña.

Chámome Morse Ken, son telegrafista. Cando me dixeron o meu destino, recen quitada a oposición, fiquei contento pensando que ía ir a unha cultura distinta. Unha cultura que supoño ancorada no tempo, onde os trens a máis de 100 quilómetros por hora son temática para relatos de Isaac Asimov e onde a sanidade pública está en mans de misteriosas vellas que receitan herbas para queimar.
O meu destino está nunha vila costeira situada na boca dunha ría. Polo que lin, a súa xente vive do que traen os barcos, do que dá a terra e do que rouban os ricos aos que traballan nos barcos e na terra.
Teño entendido que esta vila tamén recibe moitos visitantes, sobre todo no verán e en anos especias nos que se conmemora as fazañas dun heroe e filántropo local chamado D’alata.
Aínda non tiven tempo de comprobar se todo isto é certo ou se ben se trata de literatura de folleto turístico. Espero poder contárvolo máis polo miúdo noutras crónicas.
Déixovos con esta a miña primeira foto nesta vila, na que se recolle a síntese de terra e mar que envolve este lugar. Por certo o can que sae na foto non viña movendo o rabo como xesto de benvida, máis ben viña ensinando os dentes con intencións hostís.
Morse Ken
tentei entrar onde está prohibido o paso,
quixen que me iluminaras o teu interior
como eu facía co meu.
quizais quixen forzar esa pechadura
cando vía a túa mirada triste,
ou cando escoitaba os teus silenzos eternos
o meu sentido de autoculpabilidade
levábame a preguntarmo en voz baixa
ata que a presión interior se combertía en palabras
agora ben sei que é unha resposta inútil
porque é unha pregunta que non se debe facer.
prefiro os teus silenzos.
Co frío e a sede da festa metinme nunha taberna. O local estaba decorado para a ocasión festeira. Nas paredes había lápidas mortuorias feitas de cartón, nas mesas velóns cos seus plásticos vermellos, pola barra coroas de flores con textos recordatorios. Pegadas na parede, entre os carteis dos partidos de fútbol, había esquelas de persoas que eu cría vivas. Sentei e acompañei a cervexa cun bocadillo de polbo.
Catro vellos sentáronse na mesa do lado dispostos a botar unha partida ao tute. Un deles sorría a cada pouco logo de ler nas lápidas e nas esquelas. Era o enterrador municipal.

A ver se hai quen sabe que é esta árbore e onde está. A foto é mala, é do 1912.


Nos comentarios de Peke dise que hai xente (a propia Peke, o Pawley, o Caesare,..) remexendo no Ulisses de Joyce sen atrevernos a lelo... Eu tamén o merquei hai uns días... e tamén me da medo...
Hai unha proposta para que os friquies o leamos á vez. E porque unha lectura colectivo-paralela?... non sei quizais para facer terapia de grupo?, quizais para tratar de entender os elementos intelectuais que se supoñen metidos no libriño?.... quizais para decir "bo tanto falar deste libro e total non vale pa nada"...
O caso é que Pawley ten montado Cidade Espanto un blo onde ia reflexionar sobre o Ulisses a medida que o fose lendo. Agora, se non lle importa, poderíamolo usar como local para facer as reunións grupais de terapia.
Señor Xudío agora ten unha boa excusa para comezar a lelo.
Alguén máis se anima a apuntarse a este grupo de (des)intoxicación???.
visito os tenderetes
cos que me cruzo na estrada
buscando, como afogado no mar do vacío,
as espirais que me fan xirar
Estación 1
Camiñaban á par. Logo de atravesar medio ensanche cavilando no asunto, unha tolemia, con que faciana voltarían ,...el estaba disposto a decirllo, ou non.
Decidiuse a falar preto da Praza do Toural, Imos á estación e collemos un tren, Que tren, que dis, Si imos, temos os cartos da bolsa, Estás seguro, Non, Eu si iría,...
Nunca chegaron a coller aquel tren. Cando se cruzan, semellan rodar por vías de distinto ancho.
Estación 2
Chegaron á estación onde medran os tomates para ver un novo país. El ía buscando calmar o cancro que dende había semanas o tiña apodrecendo por dentro. Amouna a máis de 40º, consciente de que probablemente fose a última vez.
Volveron á casa para non ver xuntos como a compañía de trens mudaba os horarios de verán cara os de inverno.
Estación 3
O tren aínda non chega aquí, máis a estación comezase a perfilar entre os ouveos da gaivotas.

Tou emocionado acabo de ir a onde dormen as arañas a buscar uns vellos papeis. O que ía buscando non apareceu, pero non me importou. Topei sen embargo, cousas que levaba anos buscando e non daban aparecido. Milagrosamente estaba a libreta onde teño as anotacións dun deses proxectos pendentes de facer e que algún día sairá, si sara jess é a mesma da que tanto lle falei. E reencontreime con vellas cintas de audio, isto si que é arqueoloxía!.
Estaban a cinta de Europe herdada de meu tío, a cinta dun concerto do ano 93 de Hepatitis (algúns deles son agora A compañía do ruído) e sobre todo atopei a cinta da banda sonora do espectáculo Big Bang que hai como uns 12 anos representaba Chévere.
Lembro como a profe de filosofía do instituto nos levou de excursión á NASA para ir vela... como llo agradecín hai uns meses cando me voltei a reencontrar con ela.
Déixovos cunha canción de Big Bang, “Cambio de Plans”, na que un cosmonauta soviético que estaba na estación MIR pedía axuda para que o baixasen de alí xusto cando estaba caendo o muro de Berlín.
Estou só,
un xoguete de latón no espacio
por favor empezamos
a perder contacto.
Cambio de plans
suspenda a súa misión
espere indicacións
non pode volver
Cambio de plans
sería inútil seguir
o noso vello soño rematou
O sarxento Kric Aliev
misión espacial chamando a control
interrumpo a conexión
non sigo á busca dun mundo
mellor pra revolución
lonxe do planeta azul

Confío que este paquete chegue sen ningún problema. A persoa por quen che mando todo isto é de fiar.
Ben sei que estás ao tanto de todo o que está ocorrendo no país e máis na Vila. Todo está moi feo e perigoso dende que chegaron para tomar posesión de todo. Na Vila a situación non é unha excepción e non hai día que non saibamos de alguén que desapareceu. Supoño que en calquera momento me tocará a min, pero como comprenderás a estas alturas da vida iso xa non me dá medo, outra cousa é medo que podo sentir polos que me rodean.
Sei que na túa fuxida non che deu tempo a despedirte de case que ninguén. Tamén sei que só levaches como única equipaxe a vella manta que o teu avó mandara facer con todas aquelas bandeiras que fora xuntando ao longo da vida.
Sabes que xa non é tempo de bandeiras, a nosa foi derrotada nalgún momento sen que nos désemos conta ata que foi demasiado tarde.
Creo que o que che é o único que queda de todo daquelo. Acabo de collelo do seu lugar coas miñas mans. Si, tiven a suficiente forza física para coller unha escala no medio da noite e quitar os catro parafuxos oxidados.
Lembras as vellas fotos que tiñan os avós? Como se emocionaban contando que cando a colocaron non permitiran que ningunha autoridade tivese a ousadía de combertir algo que lle correspondía ao pobo nun acto de lucimento político. Fixérano sen bandeiras, sen cánticos, sen protocolo,... simplemente foran á praza e viron como o operario municipal apretaba os catro tornillos. Todo con tranquilidade, conscientes do que estaban vendo era froito da loita deles e de moitos outros que antes que eles loitaran polo mesmo. E como nos contaron que así que luciran as súas letras na praza simplemente beberon en silencio ata que xa non lle quedaron máis bágoas que chorar recordando o que significaba que a puxesen na praza máis importante da Vila.
Pero non che quero falar só do que significou isto para os nosos avós e pais.
Ben sabes o que significou esta espacio nos nosos anos de mocidade: os primeiros cigarrillos fumados ás agachadas entre as árbores da praza, os concertos que se fixeron alí, as concentracións solidarias con outros pobos oprimidos,... todos no mesmo escenario.
E cando empezamos a ter canas e perder pelo seguiu sendo o espacio onde nos xuntabamos os veciños para falar do que había que facer na Vila. Lembras como se debatía máis alí que en moitos dos plenos aos que asistimos como concelleiros?
Tamén foi o lugar onde estiveramos máis de tres meses acampados como medida de protesta para evitar que se instalase aquela central nuclear na comarca...
Pero en que momento perdemos todo iso? Que foi o que non soubemos facer ou dicir para evitar ter que descolgala do seu sitio?
Mándocha porque sei que ti estás en lugar seguro e porque tamén sei que chegado o momento lle dirás a alguén que a devolva ao seu lugar, porque nós, sinceramente xa imos vellos e non creo que vexamos como outro operario a volta a colocar a placa da “Praça da República”.
Ata sempre, a compañeira, xa derrotada:
Sabela

voltei para mercar libretas
e para decirlle quen era.
O Buscador de tesouros e máis a Viaxeira que viaxa van coller un barco cara unha illa. Non saben cal que a razón da súa viaxe, só esperan atoparse.