
A enxeñería xenética foi quen de facer un híbro entre un felis catus e unha pelargonium zonale. Os científicos aínda non lle puxeron nome, pero eu aposto polo Tofitus Durmiñentus.

Onte estiven na festa inauguración do piso de caladinha en Monte Alto xunto con outra xente do blogmillo (supoño que a anfitriona fará a correspondente crónica). Saboreando as tortillas de Revelde, mágoa que non sigas escribindo neno, choupiñeando licork e rindo contos. Ademais diso, volvín a caer. Si, non me puiden resistir e roubei, con permiso, uns cantos pitillos... que ben me prestaron.
O regreso sabadal á Ítaca está cheo de andórmenas. Pola tarde festa da Fin do Mundo na Universidade, si vai pechar 16 semanas para ampliar as aulas, señor Xudío xa lle meteremos présa aos responsables da obra para que cumpran os prazos. Na festa os ruidosos estiveron de unha da tarde á oito da noite botando repichocadas facendo o que en Breihz chaman Fest Notz e aquí nalgúns sitios lle chaman seráns. Mágoa que estas trangalladas non se fagan máis a miúdo meus. Alí pasei de furtar e fun directamente á máquina a quitar un paquete dos meus.
Deixei atrás a musica en directo e coa cabeza quente achegueime á xuntanza da Cofradía, empézase con ganas o novo mandato. Vanse artellar unhas clases para os que queiran armar ruído con instrumentos repichoqueiros os sábados á tarde. Ese foi o pitillo que mellor me sentou.
Coincidindo coa festa e coa xuntanza, tíñamos acto sobre o Estatuto de Galiza. Non fun, no mitin non deixan fumar.
Dende hai un tempo para aquí cóstame encher os recadros para escribir estes post. E como se a relación entre o autor e o seu blo se fose diluíndo, igualiño que nas relacións de parella... porque as relacións de amor na parella non duran para sempre, ou si?
Chegado esta época do ano sempre me da por pensar nesta chorimicadas...
Lin unha nova palabra:volvorico.
Non sei moi ben o que significa, máis síntome un pouco avolvoricado.
Di un manual de sicoloxía:
"...os nenos hiperactivos perciben a vida como unha película cos fotogramas soltos.Cada momento é cada momento e non está conectado necesariamente co anterior e co posterior."
Di un maestro:
"... a min gústame ler, máis teño que aturar esta película real..."

E como ultimamente a miña vida xira arredor dos libros (vai chorrada, hai anos que xira arredor deles aínda que non lles faga puto caso) quero recomendar a lectura do relato "Non escoites a Giovanna" de Xesús Constela Doce que aparece xunto con outros en "As humanas proporcións". Ollo eu non coñezo ao tal Xesús este. Polo que sei é profesor de instituto e ghanou un premio literario, vamos unha novidade no perfil medio de escritor galego, o relato vaiche de internet e ben que me sentou lelo.
Pírome a ver a unha amiga que hai meses que non lle dou unha aperta.
Postpost: non estou cabreado nin nada polo estilo, aínda que o parezca, só estou estasiado de vivir días de 30 horas.
Era Nietzsche quen falaba do eterno retorno? ou eran as miñas tempas a proer por dentro?
Xiro, outra volta, as mesmas preguntas, de onde son?, que é o que quero?
Un ano, canto tempo é? moito ou pouco?
Que se pode facer nese tempo:
- tentar esquecer que se está namorado.
- ler para atoparse.
- facer novas amizades.
- crer na amizade de sempre.
- ler máis.
- fartarte de querer mudar o mundo.
- crer que se ten algo que decir, e para iso abres un blog.
- dubidar da túa orientación sexual.
- viaxar.
- seguir desnamorándote.
- foder.
- foder con dúas persoas distintas na mesma semana.
- masturbarte, sempre masturbarte despois de foder.
- atopar páxinas que pagan a pena ser relidas.
- atopar páxinas que só valen para limpar o semen.
- redescubrir aos amigos.
- fartarte de non facer nada para mudar o mundo.
- darse conta de que o que dis non vale para nada.
- ler para perderse.
Lanse: acto de arriar un aparello de pesca ao mar.
Veño de ver "o peixe" que tomou o cerqueiro "Porto de Aguiño". Largou o aparello a unha milla de Lira e desta volta non meteron a bordo nen rabo de sardiña, nen de xurel, nen de chincho, nen de nada comestible. Meteron a bordo unha furgoneta chea de arneirón e óxido. Ao redor desta captura xa comezaron as lendas marítimas: "Polo visto a furghoneta tiña drogha",...
Dame que os mariñeiros deste barco, esta semana, só van poder contar o conto e non os billetes.
Outro lanse famoso foi o doutro barco que arriou a rede preto da costa, xusto onde desenboca o colector xeral das augas residuais dunha vila do norte. Cando viraron a rede e meteron a captura á bordo o único que quedou espallado na cuberta foi un bo tope de condóns e compresas usadas.
Camiño cara o monte e vou arrecendendo o guiso de pasta con carne que vai saíndo de varias casas. Desdentada e co pano de alivio á cabeza atopoa fregando uns panos no lavadeiro veciñal. É un pouco xorda, máis aínda así conversamos.
-A roupa non queda igual na lavadora, non ule ben. Se a frego aquí queda o recendo da auga limpa.
...
- Si aínda meu home, dios o teña na gloria, co carro e co cabalo axudou a facer o pilón. Debe haber polo menos 15 anos que se fixo, el xa vai para 8 que morreu.
...
- Aínda hai moita xente que ven ao pilón,... a daquela casa, unha que se acaba de ir,...
...
- Non, non.Para que a quere?Non. Aínda as miñas fillas me quitan fotos de vez en cando. Non, non ma quite.
Non quixo que lle tirase a foto, máis levo comigo a imaxe dunha Galiza que se resiste a morrer.
Segundo o Instituto Galego de Estatística, hai unha lavadora no 93,06 % dos fogares galegos, a desa muller está para tapar un oco na cociña.
... van alá máis de dous anos que non notaba a súa presenza. Hoxe voltou a pedirme a man ...
Deixo o mundo por segunda vez na tarde.
Camiño de vagar sobre as rúas molladas, cando choveu? Crúzome con ducias de blogs, algúns deles ben noviños, recén chegados ao parque temático do bo rollo. Tento non mirar para os seus interfaces, pero as súas combinacións de cores e formas fan que os clique coa ollada. Só unha mirada rápida, limpa, de arriba abaixo, o xusto para non se sintan cercados no seu espacio persoal. Non me atrevo a deixar ningún comment, igualiño ao que fago ultimamente no mundo real.
“Con que moedas vai a máquina?. Si teño, non me fai falla cambio”.Insiro a moeda. Cuspe un papel cun número de tres cifras. Pronto chegará o infarto. Pronto game over.
Máis blogs que semellan ter historias interesantes baixo esas formas, aquela ten unha acaída intro feita en flash . Os mesmos ionquis pedindo que hai dez anos. Outro blog que non se escribe, dame medo deixarlle algún comentario, ten un deseño pouco atractivo. Non o leo, nin o miro. “Non, non teño”.
Entro unha terceira vez nun ciber para postear isto.
Ando probando roupa que teño siscada entre os armarios da casa vella. Atopo cousas que tiña esquecidadas de todo e outras que era mellor que non volveran a aparecesen.
Vaia o traxe vello!. Proboo. A ver, sóbranme dez centímetros das mangas da chaqueta, nunha perneira collenme as dúas pernas, a cor é horrible,... como é que me metía eu aquí dentro?. Definitivamente non, vexo que este traxe non está feito para min, vexo que hai palabras que non están feitas para min.
Pésame todo. Aínda que ás veces me esqueza dela, a vértixe segue aquí. Presente igual que no libro de Sechu Sende.
Limpei algo do óxido do lavabo pero o globo que hai debaixo do parque segue inchando.