Xa hai abondosos chuchameles nas cunetas, todo recende a fresco, os días xa son máis días.Aparece outro caso nos corredores escolares. Entra de cheo a primeveira no instituto.

Os xudíos mandan invitación para ir a reapertura da universidade itaquense, que por certo coincide co seu 30 aniversario "Plazae Bare Fulget".
Supoño que como calquer universidade entregará ao alumnado no principio de curso un pincho e a unha caña tirada deses bidóns que lles puxeron os do patrimonio nacional en vez de a carpeta "igualparatodos" e o lapis con gomiña. Tiven oportunidade de fisgar e o acabado é realmente bo. As aulas son espaciosoas, con mesas e cadeiras cómodas, adaptado á alumnado con minusvalía,...
E como calquer universidade que se precie vai contar con conexión wi-fi para o seu alumnado.
Sen dúbida a institución escolar dá un claro exemplo de integración das novas tecnoloxías e máis as de sempre (cuncas de riveiro e cacahuetes).
>Letreiro en rótulo de imprenta fixado con tornillos sobre a mesa do funcionario<
Mesa 2: demandas de emprego
> Nun folio escrito a boli pegado con cinta de embalar sobre a columna<
Fila dos engominados que taparon a caspa ata outrubro de 2005.
Prégase collan número e garden a orde.
REM "Ímoslle quitar unha foto"
C L I C K !
Un tipo algo áspero, ao que lle custa sorrir. Non ten fluidez á hora de contar contos e expresar ideas. Non se sinte guapo, aínda que se cre capaz de exercer certa atracción con carga erótica. Algunhas veces tende a sentirse enfermo de desamor outras só se sinte enfermo. Métese en líos de xeito inconsciente saíndo mal parado.
REM "Umm, creo que esta saíu un tanto oscura. Imola repetir con máis luz"
C L I C K ! F L A S H ! !
Sorrí a miúdo mostrando a falta dun incisivo superior cando o fai. Une palabras cunha agulla de fíos invisbles que tece ideas seductoras. Síntese capaz de obter sorrisos e abrazos sinceros. Lieiro, sempre lieiro. Incapaz de ter a mente sen cobertura.
REM "Agora colle as dúas fotos abreas no Photoshop, aplícalle algún filtro e terás un retrato tamaño carnet para meter na ficha sentimental".
O centro comercial ten ateigado o parking soterrado. Xente que sube, xente que baixa as escaleiras mecánicas. Topar un carriño libre é cousa pouco probable.
Crúzome cos bicos da adolescencia.Bromeo co casual encontro "raro que nos topemos sen ser día electoral". "Si no salgo mucho. Supongo que es lei de vida". Entro dentro do supermercado esquivando parellas que guían carriños rebosantes de consumo. Hai parelles que tamén dirixen carriños con vidas pequenas abordo.
Apresuro o andar para coller canto antes a comida dos gatiños. Atópome cun vello compañeiro da escola universitaria. Dime que "cansou de traballar na escola privada. Opositei e agora son Técnico de transportes". "E que fas por estas terras?". "Nada casei cunha rapaza de por aquí". O carriño que reflictía a súa cara amarguenta é de Boiro.

Oíde ben dorneiros e dorneiras, remexede no pañol de proa ata atopar as pañoeletas, quitádelle a friúra as camisetas poñendoas ao clareo, ide avisando na casa que durante uns días non vos van ver varados no sofá porque xa temos calendario para a festa da dorna desta singladura. Anotade ben nos vosos cadernos de bitácora.
- Sábado 16 de Xullo. Ghran baile de Ghala.
- Xoves 21 de Xullo. Examen de Patróns e Keimada.
- Venres 22 de Xullo. Xoghos de mar e Ghuateke.
- Sábado 23 de Xullo. Cansión de Tasca.
- Dominco 24 de Xullo. Ghran día da Dorna.
Tamén se dá recado dos VII Encontros de Embarcasións Tradicionais aos que vamos asistir unha numerosa tripulasión de mariñeiros,músicos, esmorghantes e vividores varios da Ítaca. Crusaremos a ría ata Capitaldoalbariño que do 6 ao 10 de Xullo vai tamén vai ser a capital da cultura marítima atlántica. Haberá literatura, música de tabernas, saídas en embarcasións e sobre todo moita festa mariña. Se queres vir aínda estás a tempo de enrolarte na expedición dorneira. Non faltes que tomamos lista.

Fantástico amighiñ@s. Quero máis noites así.

no alongamento da luz, chega o recendo abrileiro anegando sucos.
na casa non hai brazos á espera.
Vexo polo corredor a unha alumna que cos seus 16 anos, chora os sete chorares. Está sendo consolada por unha profesora. Entérome da razón das bágoas.
Engádego: a noticia comunicoulla a propia nai á alumna via SMS.
* Porcentaxe de galegos que consumen grelos e ademáis lles gustan ........ 89%
- non lle gustan, pero os comen por presión familiar ou patriótica ........ 10%
- irreductiblemente reacios e incluso enemigos .................................... 1%
* Contribución porcentual da industri galega de paraguas ao total mundial .. 37%
- de sombrillas .................................................................................. 0,1%
* Porcentaxe de alumnos de bacharelato que descubren que o seu camiño está nas letras galegas ................... 41%
- persisten ao finalizar COU ..... 39%
- durante a etapa universitaria.. 35%
- preseveran tada a súa vida ... 30%
- logran publicar ..................... 64%
* Porcentaxe de lusistas que logran comunicarse en ambientes non ilustrados ... 23%
Revista La Naval, nº 3 (500). Verán de 1986

A dorna apodrece coa chuvia do norte. Cuartéase ao sol sen que ninguén lle tape as fendas.
Alguén lle puxo de folio "R. Argentina".
Fai 20 anos do que segue, xuzguen da súa vixencia.

Crónicas Hyportuarias
Nos bretemosos días da Era Hyportuaria, despois da chegada da Grande Humidade e do cataclismo ideolóxico que africanizou Iberia e terminou coa decadente Idade Postoureira, reducindo aos mouros habitantes do Magreb á barbarie e o axexo, unha civilización valente e comerciante florecía na costa do
Atlántico: A Reserva Noroccidental. Atlantic City, Celtic Town, Kompostpétrea érguense ao longo da Raia Atlántica, inseridas na Federación Marítima que integra os pobos costeiros de Noveuropa.
Telón de grelos
Entre a Raia atlántica e o Telón de Grelos , que afasta fisicamente a Reserva Noroccidental das tribos do Deserto Mesetario, discorre unha terra dura e brava, onde unha raza noroccidental primixenia se endurece nos perigos do bosque para encarar un destino remoto e común a todos os seus antergos:
dominar os aspectos máis carnais da hostelaria en Soho e Saint Paul. Son os dominios de Mont-Fort, Burgasville, Saint Froiland, Mont-Ross
Barra do bacalhau
A Reserva Noroccidental pertence á Comunidade Económica do Mar do Norte. Nas principais metrópolis da mesma os reservistas exercen unha importante influencia no sector de servicios. Este rasgo nacional procede da época “ultramariña” na que aventureiros noroccidentais iniciaron na ciencia
da tenda de coloniais á poboación indíxena do Atlántico Sur, empresa á que se uniron tamén algúns fillos do País de Camoes, unha sud-parte atlántica afastada da Reserva pola Barra do bacalhau, pero profundamente unida por similares costumes, como a tradicional aversión polos aranceis aduaneiros.
Ruta do calamar
O océano é a corda umbilical que comunica os noroccidentais co seu destino de civilización. Por el exténdese a Ruta do Calamar, un labirinto de intereses pesqueiros intermarítimos que atinxe desde Durban e Johanessburg ata Boston e as illas Sandwich, dominado por unha cúpula financieira noroccidental establecida en Celtic Town, que herdou do seu antigo colega Francis Drake a súa habilidade especulativa. Do océano proceden tamén regularmente centos de mariños noroccidentais que hexemonizan as tripulacións mercantes que percorren as rotas de abastaecimento enerxético, ben provistos de exóticas mercadorías de grande aprezo, especialmente as níveas ou o célebre “Winston”,
que son posteriormente introducidas nos antros praieiros da meseta desértica.
Atlantic City, a nobreza
Atlantic City é a metrópoli da Reserva e a guía da tradición xerárquica noroccidental , gardada por unha camada de escribas de ríxidos e señoriais costumes, que aspiran a hexemonizar o discorrer cotidiano
dos reservistas, tal e como preconiza O Faro, símbolo totémico da urbe. Os niveis de estatus social en Atlantic City están unicamente demarcados pola antigüidade do clan familiar á que pertence o cidadán.
O pasado é o valor máis venerado na cidade atlántica e o tempo discorre entre as súas ventosas avenidas sen deixar pegada, mentres a néboa do océano agacha os seus faraónicos poboadores da contaminación contemporánea, refuxiados atrás das asépticas e afamadas cristaleiras, ocupados no culto
aos grandiosos antepasados, o seguimento da bolsa de valores e a defensa dunhas arcaicas e ameazadas institucións metropolitanas que xa brillaban nos tempos lonxincuos, cando a Era Hyportuaria non nacera e Atlantic City era o vixía noroccidental do imperi magrebí do caudillo Fran-Franc.
Celtic Town, a fronteira
Celtic Town é a alternativa abigarrada a Atlantic City; unha urbe trepidante sinalado polo espírito da fronteira. Neste caso, a súa condición de encrucillada contraditoria entre a viciña impetuosidade meridional do País de Camoes, os vicios noratlánticos traídos polas tripulacións británicas ao Berbés e
a inxenua ferocidade dos clans piratas que poboan a outra banda da Baía do Morrón e aflúen ás excitantes covas nocturnas de Celtic Town a través do Paso de Rande. Esta terra de ninguén atraiu todo tipo de “Outsiders” -mercadores, xoglares, alquimistas- que dereon a Celtic Town unha época dourada
e un símbolo inequívoco: unha oliveira a medio camiño entre a alegoría do coñecimento e a arte de vender aceito para o bacalhau ao pobo camo eta. A vida en Celtic Town ten a esperanza propia de xentes pouco acostumadas á resignación; un certo morbo de cidade sen lei e o ascenso social dunha
camada de barbeiros e taberneiros son o esqueletoo deste pobo aberto.
Kompostpétrea, o conxuro
Kompostpétrea é a memoria cabalística da raza noroccidental. Un labirinto de sociedades segredas ocultas pola pedra e un conxuro astral. Nas profundidades dos seus edificios remotos armacénanse os misterios de sucesivos cultos que varias xeracións de sacerdotes e meigos menores empregaron para
exercer o poder. O advenimento da Grande Humidade forzou a negociación dunha alianza de curandeiros, feirantes e vetustos bibliotecarios que, baixo da tutela dos escuros magos, exerce como clero da nova relixión: o “Self Government”. As antigas camadas terratenentes e ilustradas
noroccidentais tentan así perpetuar o seu poder e dar unha fráxil unidade política ás centrífugas relacións que manteñen entre si as tribos da Reserva. Arredor da vella cicadela de granito refléctese unha imaxe inversa: ociosos e xovens retallos das principais familias noroccidentais, enviados en pescuda do coñecimento armacenado en Kompostpétrea, amorénase nunha perpetua xoldra en pousadas e tabernas, das que o rebumbio provocou hai miles de anos o nacimento do “tour operator” e asolagou Kompostpétrea de visitantes do norte a través da primeira rota turística europea, a Vía Pétrea.
Por este mesmo camiño soñan chegar algún malfadado día as cábilas mesetarias a pór fin á Grande Humidade e selar un confuso “affaire” histórico que encerra toda a virilidade noroccidental nos sinos do Grande Templo kompostpétreo, pretendidamente roubadas polos siareiros do Magreb nos esquecidos tempos do Poder Mouro.
Madrís, a conspiración
No corazón do Deserto mesetario érguese a turbulenta Madrís, metrópoli do universo de secano e porta do ardente Magreb, poboada por xente patilluda e bandoleira, inventora de covas malsás onde se practica a inexplicablemente célebre Cocida madrileña.
A era Hyportuaria rematou coa hexemonía ibérica da capital do deserto, onde porén se tecen novas conxuras contra da orde noroccidental. Ao abeiro do rexurdimento dun movimento folclórico latino esquecido desde o éxito de “La plaga”, unha cúpula madridista tenta reunificar o abatido espírito mediterráneo e hexemonizar o eixo xeopolítico Roma-París-Madrís. Os servizos de información infliltrados na quinta coluna noroccidental en Madrís -adestrados na Escola de Hostelaria de Kompostpétrea – avisaron do próximo obxectivo da conspiración elaborada pola Ameaza Magrebí: extender o Eixo a Lisboa. Madrís coñece e valora o tradicional proverbio noroccidental: “Nada vai mal mentres quede Portugal”.
Extracto do “Manifesto achado en Camariñas”.
LA NAVAL . Revista atlántica. Número 1. Marzo-85 (traducción)
PostPost: alguén ten por aí os números que saíron de La naval? Mercoos. Válenme escaneos, PDF, fotocopias, etc. Eu teño os dous primeiros números
O concello de Ítaca fixo público o listado de facturas rexistradas polos proveedores que durante a crise do Prestige prestaron algún servizo ou mercadoría no concello. O montante das mesmas ascende a 947.640, 80 €uros, cartos que sairán da tesourería municipal.
A maioría das empresas que presentaron facturas son pequenos negocios da localidade que precisan o urxente aboamento das mesmas, logo de dous anos de espera, para seguir mantendo a súa actividade.
Sen embargo unha lectura máis pausada do listado móstranos cousas que chaman poderosamente a atención.
Vese como un único proveedor presenta facturas por un montante de 590.226,88 €uros, case que o 60% do total. O concepto das mesmas abrangue diverso material de ferretería (pás, roupas de augas, etc). A empresa facturadora chámase PEYCAR con razón social en Pontevedra. Segundo as pesquisas de medios de comunicación , PEYCAR é unha empresa que recibe mercadorías doutra chamada Gallega de Suministros Industriales (GSI), negocio este que pertence a familia de Cuíña Crespo. Vese claramente como o noutrora golfiño se lucrou directamente da crise, aínda que lle custase o seu cese como conselleiro, a través dunha empresa "amiga".

Entrevista coa nai e co alumno.
Era a primeira vez que vía ao rapaz, non lle dou clase e non lembro telo visto polos corredores armando bulla.
Sento e informo do proceso, no ton máis notarial posible, explico a miña función con voz pausada.
Comezo a ler os "cargos": faltas de respecto, molesteos varios, xestos chulescos... El nega parte dos mesmos con artimañas de adolescente. Comezan as divagacións sobre os tópicos "cogieron manía".
Escoito. Tento comprender. Tento explicar detalles da vida escolar que non quedan reflictidas nos papeis pero que poden porvocar conflicto.
O alumno recoñece que non quere estudiar e que ao ter 16 anos non ten porque estar nun centro de ensino. A nai entende que non queira estudiar, pero quere que aguante no centro ata final de curso, xa que logo vai poder ir para a empresa familiar. Engade que xa podería ir agora a traballar nela, pero como están saturados de traballo non poderían atender ao fillo-empregado correctamente. Falo do concepto gardería para maiores de 16 anos. A nai non quere que se traslade ao seu fillo a outro centro.
Informo de que nuns días teño que propór sanción para que decida o Consello Escolar.
Creo que vou seguir presentánme a estas e deixar estas para outros.
O CEIP Fiz Vergara Vilariño de Lóuzara do concello de Samos, contaba hai nove cursos con 32 alumnos. Neste curso 3 mestres dan clase a só 9 rapaces.
No centro teñen 4 ordenadores con conexión a internet.
- Sintoo, pero mañá teño que traballar.
Iso foi o que dixo cando as dúas rapazas marcharon do seu piso cargando as bolsas cheas de bebidas e xelados.
Queceu as sobras da sopa do día anterior e mentres engulía os fideos, preguntouse cando é que se fixera adulto.
O xefe de estudios comunícame que se me nomea xuíz instructor para o caso dun alumno ao que se lle pretende abrir expediente disciplinario.
Do alumno, só sei que está en 3º da ESO que ten 16 anos e non quere estudiar.
Creo que esta non vai ser unha boa experiencia.
Toque 1
Achega a súa voz. Fala de luxuria estable.
Digo o que sinto.
Toque 2
A voz radiofónica inúndame cos seus vómitos.
Digo que o sinto.