setembro 29, 2005

O Noso monte importa

Cartaz Mani Ourense

O sábado vai arder Ourense.

Postado por paleon em 11:58 PM | Comentários (13)

setembro 28, 2005

De cachalotes, orcas e a pesca

Pepe, patrón do Bouzón, ségueme mandando crónicas a través do satélite. Desta volta unha reflesión ecolóxico-pesqueira.

OCÉANO ÍNDICO
SINGLADURA NÚMERO:61

Sendo HRB: 2100 encontrámonos en posición l=29º 33,9' S L=044º 34,6' E , como non!!! continuando as faenas de pesca.

Esta semana que pasou foi boa no que concierne a pesca, pero esta xa volvemos a ter mal tempo outra vez e xa tira todo pola borda. Polo que parece,
estes peixiños queren sol e calma, vamos como as persoas !!! que se van para
Cuba ou República Dominicana por un exemplo, en busca de paz e tranquilidade.

Onte estando virando o aparello aconteceunos o seguinte:

Eran as sete da tarde e como cada día estaba cenando con Juán
(Xefe de máquinas), nesto chega Joe (compañeiro de fatigas que teño no
puente) todo "acelerado" e dime ¡¡¡ Pepe ven.... sube al puente rápido!!!.
Eu dígolle: que pasa ??? e coa misma xa subo.

A miña sorpresa foi que miro para a línea do aparello, e vexo un cachalote liado, exactamente peleando para poder saír dela. Levábanos a línea e non nos viraba o tambor .Foi bastante curioso ver un animaliño tan grande pelear pola sua vida, movía a enorme aleta caudal de arriba a baixo ....... sacaba a súa enorme cabeza de fóra coma quen decíndonos ¡¡¡ por favorrrrrr sacádeme de aquí !!!

Despois de sacar as respectivas fotos e filmacions, picamos o aparello
para deixalo ir.

Quero facer mención deste tema referido a estes animaliños sexan cachalotes ou orcas. Son un problema moi serio a ter en conta, pódenche botar a perder a marea. Nas artes de pesca de palangre tanto sexa de fondo ou de superficie, como é o noso caso.

Resulta que estes animaliños andando na "procura" de comida como vexan o aparello comen o peixe que está no anzuelo, e loxicamente chegan só as cabezas abordo dos peixes á hora de virar o aparello .

Comen o peixe de todo o aparello, sexan aparellos de 30 millas ou 50 millas, eles síguenos.

Se tes varias líneas separadas, a un exemplo de 10 millas náuticas, fan o
seguinte: empézanche a comer nunha, e cando chegas a boia de inicio da outra
línea xa os ves esperando o lado. Como si se tratase dun Pizza Hut ou a do "Cubano" para comer.

A nós, no palangre de superficie, non nos afectan tanto os cachalotes; agora as
orcas si que son un problema moi serio. Podes pasar de pescar por exemplo de 3000 Kg a nada ou 150 Kg , 200 Kg... eso en un día, imaxinade en 120 dias de traballo os kilos que se comen estes tipos.

Asi que cando tes na zona estes animaliños, o ideal é navegar para outro lado, e dicir perder un día ou dous de traballo por culpa deles.

Bueno pois nada máis polo momento ,vou a atender a largada e a escoitar un CD de música variada portuguesa, brasileña e cabo verdiana que me pasou a semana pasada o compañeiro Rui (patrón do Vila de Ribamar) de Ribamar -Portugal.

Saúdos para todos.

Postado por paleon em 11:54 PM | Comentários (10)

setembro 27, 2005

Arañeira

arañeira

Dende que me apalanquei na Ítaca, o cravinho case que non me roda nada. Acostumado como estaba a facer todos os días a ida e a volta da ruta do agropop da N-550.

Agora, o probiño abúrreseme na porta da casa. E non vos minto se digo que no espello retrovisor esquerdo vive unha araña. Ao becho dalle por facer unha espesa arañeira dende o espello ata a porta do conductor. Si claro que a limpo e máis de vez en cando rompe, máis a curranta spidermana debe de molarlle a vivenda que volve a tecer alí a súa forma de vida. En fin alá ela, mentres non proteste pola música que poño, a min dácheme igual. Eu de vez en cando espero meterlle algúns paseos.

Si, para os que aínda non mo preguntaron: vou andando ao choio.

Postado por paleon em 11:54 PM | Comentários (3)

setembro 20, 2005

Plan de actividades en Montealto

20092005.jpg

O venres pasado achegámonos a Montealto para a despedida d'Os Diplomáticos. Amáis de berrar e saltar tamén se fixo turismo tabernario na citi. Nunha tasca atopamos o programa anual de actividades da Peña David. Unha soa xuntanza para discutir e o resto pa comer.

Postado por paleon em 05:44 PM | Comentários (14)

setembro 16, 2005

Afágome

Visitei os labirintos do antigo colexio para oír. Volvín coa estrana sensación de desgusto comigo mesmo.

Ao chegar pasei polo cornecho a tomar algo. Cada día que pasa este sitio semella ser lugar de encontro para a xente que fai cousas, cando menos todo é familiar e agradable. Séguese conspirando e montado cousas.

Afágome.

Postado por paleon em 12:30 AM | Comentários (1)

setembro 15, 2005

Diplomáticos: dorneiros!!!, dorneiros!!

Non sei se o sabíades pero os Diplomáticos de Montealto van deixar de existir como grupo. Lede o interesante artigo de María en Vierios.

Xunto con outros grupos que actuaron na Festa da Dorna (agora lembro a Compañía do Ruído, Heredeiros da Crus, Kilomberos, Jarbanzo Nejro, Papaqueixos,...) forman parte do que se podía chamar "corpus musical" dorneiro. Algo así como B.S.O. que nos ven á cabeza cando vemos as fotos da festa ou cando lle tratamos de contar a alguén de que vai o rollo este da Dorna.

Dende hai tempo Lola de Ribeira, Ratiña da illa, é diplomática; Juán é mestre en Frións; a canción Lume de Biqueira naceu nun partido do Atl. Ribeira; as tres veces que tocaron no día grande ... a conexión Diplomática/Festa da Dorna é intensa.

O seu disco Capetón, ese tratado do mar sen lírica pero poético, onde as guitarras eléctricas sonan como o motor dun palangreiro cando vai avante libre cara terra, ten unha mensaxe nítida, salgada e tan próxima que nos encheu o peito a moitos que somos da costa e nos identificamos rapidamente con el.

A asociación Diplomáticos e Festa da Dorna é moi simple é por sempre van ser patrimonio musical da festa. Diplomáticos, marchade pero xa vos daremos a lata para que vos xuntedes a tocar con nós o himno calquer 24 de xullo.

Os Diplomáticos vanse despedir ao grande este venres 16 ás 23 horas no Campo da Leña d'A Coruña. Alí haberá, como din os vellos sedioloquer, dorneir@s para despedir aos Diplomáticos. Se hai alguén que vai ir dende a Ítaca que avise que nos xuntamos máis para armala.

Postado por paleon em 12:54 AM | Comentários (11)

setembro 09, 2005

Centoonce

9092005.jpg

A foto é da Sara Jess

Entereime vía Casatlántica que xa estaba nalgunhas librerías- as da Ítaca non chega claro- centoonce. Trátase do novo poemario da Kiko Neves no que volve ao grande tema (amor/desamor) como naquel Poema de amor ou en Baile de moscas.

Centoonce volve a meterme na poesía que xa levaba tempo durmiñando debaixo dos arquivos hml, do php e de ducias de proxectos que van agromando, e que ben me prestou lelo!.

O Kiko Neves foi o primeiro poeta que tentei meter dentro da aula, pero el listo como un allo, soubo como escaparse.

Mañán volvo eu as aulas, ao ladiño do niño materno...todo son dúbidas, todo son inquedanzas.

33.
tomeille tanta xenreira
ao sitio onde vivo
que cada vez que viaxo
fóra
lonxe
boto de menos
todas esas referencias estragadas
o baleiro
a rabia
e quero volver
na podremia
tamén medran vizosas
as sementes

Copiadoepegado de Centoonce

Postado por paleon em 12:49 AM | Comentários (15)

setembro 04, 2005

Sálvora C.F.

4092005.jpg

Cando hai uns meses fundaron o clube elexiron o nome da illa que abriga a ría dos temporais que veñen do sur. Eles, bravos, debutaron hoxe na 3ª rexional, no campo da Tasca. Ao pé mesmo de onde están construíndo unhas pontes que levan a unhas rochas- feismo/frikismo local-.

Cento e pico persoas se xuntaron na grada cuberta do campo pouco antes de comezar o partido. A emoción era inmensa e os músicos non tardaron en arrancar as primeiras pezas antes de sentarse na grada.

Os Salvoreños facían exercicios de quecemento no outro extremo do campo e xa se percibían algunhas caras que súan gotas grosas, quizais a inactividade do verán pasara algo de factura. En fronte outro equipo itaquense da parte de Olveira que non se queren deixar ganar por moita estrea que esta sexa. Fútbol a tope e que nos promete esta xornada.

Na grada moita xente da Cofradía da Dorna con sudadeiras e camisetas da festa, contribuían a darlle o toque dorneiro ao evento, que se note quen é o patrocinador do Sálvora F.C.

Os carajillos comezaron a correr polo graderío mentres a forza telúrica dos ruidosos acompañados por parte da Marea Dorneira, servían de edulcurante que lle daba o toque xusto de dozura ao café negro con gotas de caña.

"Agora unha canción para o ataque .... outra para a defensa ... unha máis para cando o balón chega a portería". A festa estaba montada na grada e xa non había quen parara aquelo. A tarde amenazaba con deixar algunha borraxeira, e así o fixo na segunda parte. Á vez que chegaron os goles, dous a cero a favor nosa. Míguez tivo a honra de marcar o primeiro gol en partido oficial do Sálvora F.C.

Tarde de música, de risas, de café ao abrigo dunha grada dun campo de fútbol. Bo xeito de pasar unha tarde de domingo.

Postado por paleon em 09:53 PM | Comentários (7)